A escasos días da toma de posesión do novo goberno da Xunta de Galicia presidido por Alfonso Rueda, a titular da consellería do Medio Rural María José Gómez, exalcaldesa de Guntín, tivo que facer fronte a unha das grandes eivas desta Comunidade Autónoma: os incendios forestais que, nos primeiros catro días da semana que rematamos, queimaron preto de 300 hectáreas de monte e obrigaron á conselleira a remexer no substancial baúl dos recordos sobre por que arden os montes galegos.
Nese repaso ao que é a intrahistoria de Galicia nos últimos 70 anos sobre o que motiva a queima dos montes, concorda María José Gómez con todos os seus antecesores na Consellería do Medio Rural e a antiga Consellería de Agricultura e Montes: os lumes son provocados (polo ADN de Galicia).
Dende os tempos de Rosón como presidente da Xunta aos máis recentes de Fraga e Núñez Feijoo, sempre houbo “mans estranas”, pirómanos, persoas interesadas en provocar os lumes. É dicir, os incendios son provocados: inicialmente, polos contrabandistas de tabaco, aos que seguiron os narcotraficantes, os que políticamente tiraban réditos desas accións, ata chegar ao total clarexamento do asunto por parte da nova conselleira: que se queimen os montes “vai no ADN de Galicia”, dixo María José Gómez, quen avaliou a evolución nestes días dos incendios citados (o último, apagado o xoves pola tarde): a seca, o nordés, o vento… e agora, o ADN. Un factor, parece ser determinante, na queima de 260,5 hectáreas de monte entre os incendios de Crecente (Pontevedra), Trabada (Lugo), Oímbra (Ourense) e Entrimo (Ourense).
A valoración deste feitos pola conselleira, talvez chegou excesívamente pronto. Pillóuna con nula experiencia ao respecto da intencionalidade ou non dos incendios forestais e votou man do recurso de sempre, porque María Josè Gómez -de profesión profesora de secundaria na especialidade de inglés- é moi probable que non tivera experiencia previa na toma de decisións para o tratamento das queimas de montes.
Se todo se amaña botando man do ADN de Galicia, xa temos un recurso ou remedio para dar solución á teima: introducir ese ADN en calquera dos encoros, ríos, lagoas, regachos, etc., que Galicia ten actualmente cheos a rebosar de auga, e afogalo para que nunca máis apareza en monte baixo ou monte arborado, e deixe en paz os eucaliptos que ENCE ou ALTRI triturarán para facer pasta de celulosa nunha comunidade na que, antes, se queimaba a roza para sementar trigo nos montes porque nas leiras eran o millo, o centeo e as patacas as sementes que primaban tanto para as persoas coma para o gando.
O descubremento do ADN de Galicia por parte da nova conselleira do Medio Rural, abre importantes expectativas de futuro de cara a rematar de vez cos incendios forestais. Un pequeno paso para o home, un grande salto para a comunidade, rememorando a frase pronunciada por Neil Armstrong, o astronauta estadounidense que pisou a Lúa por vez primeira o 20 de xullo de 1969.
Canto nos queda por descubrir!…



