Após a unificación polos Reis Católicos dos distintos reinos existentes en España para conformar esta como único Reino, en febreiro de 1873 -ata xaneiro de 1874- a nación española foi unha república, a primeira.
As orixes daquela I República fican no ano 1868, coa revolución “A Gloriosa” que puxo fin ao reinado de Isabel II de Borbòn. Ese mesmo ano, a convocatoria de eleccións constituintes destapou o tarro das esencias constitucionais: república ou monarquía parlamentaria?.
Gañou a vía monárquica, que levou ao trono a Amadeo de Saboya co apoio do xeneral Juan Prim, do Partido Progresista, cuxa morte en 1870 por un atentado, xunto coa dura oposición exercida polos sectores máis conservadores (igrexa, terratenentes e empresarios) provocou a abdicación de Amadeo de Saboya e, obviamente, a súa renuncia ao trono.
A II República, proclamada o 14 de abril de 1931, foi consecuencia en gran medida da Restauración borbónica de Cánovas del Castillo e o cuestionamento do rei Alfonso XIII que, finalmente, marchou ao exilio.
Alcalá Zamora foi o primeiro presidente, con Manuel Azaña como primeiro ministro ou xefe do Goberno.
Esta II República rematou coa intervención dos militares golpistas pondo fin á etapa de democracia e conducindo ao país á Guerra Civil de 1936, que se alongaría ata o 1 de abril de 1939.
Finado en 1975 Francisco Franco, que dirixiu España con man de ferro durante todo este período ditatorial, e felizmente recuperada a democracia, a monarquía parlamentaria sitúa a España, no ano 1978, na liña de monarquías europeas coma Reino Unido, Noruega, Suecia ou Países Baixos.
Chegados ao práctico remate do primeiro cuarto do século XXI e cos antecedentes citados, é a monarquía unha institución incuestionable para evitar un referendo sobre a forma de goberno?Hai quen entende que unha consulta pública sobre monarquia ou república podería dar como resultado a abolición do actual sistema, sen que isto signifique dogma de fé.
Para facer tal valoración, algúns medios de comunicación poñen en marcha campañas tendentes a executar ese cambio que, particularmente, non vexo claro no que atinxe ao seu resultado a escala nacional.
Disque o defunto expresidente do Goberno, Adolfo Suárez, afirmou nunha entrevista realizada en Antena 3 no ano 1995 que, se durante a etapa da transición se fixera un referéndum sobre a instauración da monarquía ou a implantación dunha república, seguro que habería unha maioría inclinada cara ao réxime republicano. Que o rei perderìa o referéndum consultivo.
Foi por este motivo polo que, consciente de tal resultado, Suárez asegurou a reinstauración da monarquía incluindo na lei pertinente ao rei e a palabra “monarquía”.
Hai medios de comunicación que non se privan de publicar este tipo de formulación (imposible no franquismo e mesmo na transición). Hai personaxes coñecidos que empregan -en senso contrario- as mesmas tácticas do franquismo contra a monarquía, tácticas desestabilizadoras da institución monárquica, agora que non existen maiores preocupacións sobre a estabilidade da España autonómica.
Para unha parte importante dos fillos dos que tomaron parte, vontaria ou forzosamente, na Guerra Civil, e de aqueles que padeceron represión ou silencio -cando non ambas ao mesmo tempo- a Coroa percíbese coma un símbolo intocable nunha España de privilexios e tradicións asentadas. Tamén hai quen argumenta a ilexitimidade da monarquía dando a entender que esta debería ser refrendada polo pobo. Mais hoxe, ao igual que onte, os españois gardamos silencio e non se albisca posibilidade algunha dunha consulta nese senso, que tampouco a maior parte dos españois teñen entre as súas prioridades.
Os que atacan á institución monárquica están a facelo mediante críticas ás persoas nun intento desestabilizador que, moitas veces, aparenta ser un apoio á república.



