Pública e responsable. Así debe ser a Sanidade en España. Para esto, o Goberno derogará a lei aprobada por José María Aznar (a Lei 15/1997) que permitía o que, hoxe en día, está a acontecer: a privatización dun servizo público e universal que tanto custou e custa á cidadanía deste país. Porque, verdadeiramente, o pobo español non debe, nen pode, facer cesión á empresa privada dun dereito gañado a pulso por todos e cada un dos españois ao longo de décadas de pagamentos e entregas.
A Lei de Aznar fixo que proliferaran os seguros privados de tal xeito que, na actualidade, os hospitais privados están, en canto ao seu funcionamento, desenvolvendo a súa actividade como se fosen públicos: longas listaxes de espera na atención aos doentes e estes, maioritariamente, con tarxeta sanitaria do Sergas (Servizo Galego de Saúde) no marco da comunidade autónoma galega. Todo elo coa “bendición” do propio Sergas, que deriva aos hospitais privados a boa parte dos enfermos que deberían ser atendidos nos centros públicos, mentres nestes de procede a cotío ao peche de habitacións. Así, o doente que pasa dun a outro hospital, fai que ambos -o privado e o público- estean a rebordar e tarden semanas e meses en ambos os casos, en seren atendidos sobre todo en materia de especialidades cirúrxícas.
A ministra de Sanidade, Mónica García, tenta poñer couto a esta situación comezando por sacar a consulta pública a Lei de Xestión Pública e Integridade do Servizo Nacional de Saúde, pondo remate ao “lucro incesante que foi abonando as diferentes formas de xestión da nosa sanidade”.
A ministra fai fincapé no acordo de goberno entre PSOE e Sumar para pechar a porta “a modalidades que deterioraron o noso sistema nacional de saúde” e que, en Galicia concretamente se evidencian no asentamento, aquí, de grandes conglomerados sanitarios moitos deles pertencentes a complexos multinacionais alimentados ata o de agora pola xa mencionada lei de 1997, do goberno de Aznar.



