Coa intencionalidade de mobilizar o seu voto a prol do PP?. Como simple información sen interese político?. Unha información necesaria?.
Sexa como for, a Xunta Electoral de Galicia abrira un procedemento sancionador á Consellería de Sanidade por entender que o envío, dous días antes da celebración das eleccións autonómicas o pasado 18 de febreiro, de mensaxes para informar aos traballadores do Servizo Galego de Saúde de subas salariais, podería ter unha connotación electoralista.
Baseouse a Xunta Electoral en que resultaba “obxectivamente innecesario e inoportuno transmitilas de xeito individual no decurso dun proceso electoral” polo que posteriormente concluiu necesario arquivar tal procedemento sancionador porque nas mensaxes, se ben tiñan esa connotación electoralista, “non concorren os presupostos subxectivos necesarios para poder impoñer unha sanción”.
A decisión de enviar eses SMS, afirma a Xunta Electoral, débese a que “non quedan individualizados na específica conduta dunha concreta autoridade ou funcionario”, de modo que tampouco “queda xustificada no expedente a existencia dunha decisión específica individualizada na específica conduta dunha concreta autoridade ou funcionario ordenando o envío dos SMS cunha finalidade de interferir no proceso electoral”.
O instrutor da causa coida que o expedente sancionador “non se seguiu contra ningunha concreta autoridade ou funcionario, senon contra a Consellería de Sanidade que, coma tal, non pode ser considerada suxeito responsable da infración aos efectos de recibir a imposición dunha sanción”.
Defende que estas consideracións non implican contradición co decidido anteriormente pola Xunta Electoral de Galicia xa que logo, declarada a existencia de infración e aberto o expedente sancionador, “non necesariamente e de xeito automático procede rematar este cunha resolución sancionadora” por non se dirixir o expedente “contra unha concreta autoridade ou funcionario como responsable da infración”.
Tamén xustifica a Xunta Electoral a súa decisión en que o sistema de comunicación utilizado polo Sergas é o que a cotío emprega a entidade co seu persoal e, nesta oportunidade, para trasladar a este unha novidade de conceptos retributivos incorporada na nómina do mesmo mes de febreiro.
Ás 12 horas de que o pasado 16 de febreiro rematara a campaña electoral, milleiros de traballadores do Sergas recibían SMS nos seus dispositivos móbiles que lles avisaban de que na nómina de febreiro xa lles aboarían o complemento de carreira profesional, así como o incremento do prezo das guardas e a aplicación do complemento de turnos, entre outros.
Son elementos que inducen á Xunta Electoral a arquivar o expedente sancionador aberto, acción que fora entendida inicialmente como unha concesión á Xunta, nun momento no que a Xudicatura e o Goberno non se atopan nos mellores momentos de entendemento.



