
A histórica compañía rianxeira Teatro Airiños vai organizar esta tempada tres fins de semana de actividades culturais na parroquia de Asados: as Veladas de Primavera. O ciclo desenvolverase na dita parroquia rianxeira, coa colaboración do Concello e máis da Deputación da Coruña, entre o o 27 de abril e o 12 de maio.
Segundo explica a agrupación acerca dos porqués deste ciclo e do seu nome, “se ben a palabra velada aínda non está recollida no dicionario da RAG, así é como se lles chamaba ás funcións nos comezos da historia Teatro Airiños (hai xa noventa anos) e así é como cremos que se deben seguir chamando”. E co devadnito nome organiza a compañía máis antiga da nosa terra unha mostra de artes escénicas na súa parroquia natal.
A primeira velada será musical, co grupo Barahúnda. Madrileños de nacenza, pero establecidos desde hai anos en Rianxo, presentan o seu libro-CD Fremosas cun concerto didáctico, o sábado 27 ás 20:30h nas Escolas Vellas da Atalaia.
O domingo 28, a partir das 19:00h, celebrarase a Mesa de creadoras: un acto de encontro entre o público e artistas de diversas disciplinas. No coloquio participarán: María Xosé Silvar (Sés), unha das figuras máis recoñecibles do panorama musical galego; a dramaturga rianxeira Esther F. Carrodeguas, que está a xirar súa segunda coprodución co Centro Dramático Nacional; Helena de Alfonso, cantante de Barahúnda; e a poeta Arancha Nogueira, gañadora dos premios Francisco Añón e Johán Carballeira. O escenario sería o parque da Santa Lucía, se ben a organización non descarta unha relocalización se o tempo non acompaña.
A segunda semana transcorrerá por completo nas Escolas Vellas. O sábado 4 de maio a cita será audiovisual, coa proxección, ás 20:30h, do documental Esta noite, velada. Dirixido por Antonio Caeiro, gravouse en 2008 co gallo do 75 aniversario de Teatro Airiños.
O domingo 5, ás 19:30h, será a quenda da compañía anfitrioa, que representará As vellas non deben de namorarse. Amantia Coello adapta e dirixe este clásico de Castelao, no que se xoga a cambiar xénero, orientación e identidade sexual das personaxes, respectando o texto orixinal.
A última fin de semana será “a máis intensa”, en palabras de Airiños. Comezará o venres 10 con Ska-rnio Escénico, o grupo xuvenil da Escola de Teatro Airiños. Presentarán Fraktal, peza creada colectivamente na propia escola, que convida a reflexionar sobre a saúde mental, ás 21:00h nas Escolas Vellas. A ese mesmo escenario chegarán desde o outro lado do Miño a Companhia de Teatro de Santo Tirso. O grupo portugués representará a peza infantil Baú dos Malvados o sábado 11 ás 20:00h.
O domingo 12 celebrarase o roteiro teatralizado sobre a historia de Teatro Airiños. Partindo ás 12:00h do Centro Cultural Simón Varela, visitarán lugares claves na traxectoria da compañía. Xa pola tarde, ás 19:00h, as Veladas voltarán ás Escolas Vellas, para pechar esta edición co monólogo O comezo do mundo, de Soledad Felloza. A narradora uruguaia asentada no Barbanza reconta historias recollidas a mulleres do país, ao pé do lume nos seus lares. A mostra naceu no Nadal de 2019 como Veladas de Inverno. Logo da pandemia, a segunda edición xa foi primaveral, en abril de 2022. E desde aquela Airiños mantén este ciclo de artes escénicas, que medra e se afianza ano tras ano.



