
O Concello de Boiro colabora coa XXXVI Promoción do Ciclismo de Boiro 2024, que se celebra este sábado 27 de abril, e que organiza o Club Ciclista Barbanza. Na presentación da proba estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo; o presidente do Club, Ricardo Riveiro; José Ramón Torrado, director deportivo; e outros membros da directiva.
A proba contará con diversos circuítos en función das idades dos participantes. Haberá un circuíto de 5,5 quilómetros para os alevíns; un de 13,8 quilómetros para infantís; un de 51 quilómetros para cadetes que percorrerá os municipios de Boiro e Rianxo; e unha xincana de 1 quilómetro para as categorías promesas e principiantes.
“A previsión é que participen uns 300 rapaces e rapazas de todas as categorías e equipos de Galicia e tamén Portugal”, afirmaron dende o club. A carreira conta con varios portos de montaña e será puntuábel para a Copa Galega do Porvir.
Pola súa parte, o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, animou á veciñanza a que desfrute desta proba “que é moi vistosa xa que percorre parte da nosa comarca e na que participan rapaces e rapazas que se inician no ciclismo”.



