
O Concello de Boiro convoca un proceso selectivo para a confección dunha bolsa de emprego para a contratación laboral temporal de peóns de servizos varios. O Boletín Oficial da Provincia publica este luns 22 de abril as bases da convocatoria.
O sistema de acceso será mediante oposición libre e os contratos de traballo formalizaranse baixo a modalidade contractual laboral temporal que se considere axeitada para o caso de substitucións, ausencias ou reforzos. As funcións a desenvolver serán de apoio ás brigadas municipais; coidado do estado do material e ferramentas; labores elementais de máquinas sinxelas…
As persoas candidatas deberán cumprir cunha serie de requisitos esixibles para o acceso ao emprego público como son ter cumpridos os 16 anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa; posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas do posto; non estar incurso en causas de incompatibilidade ou incapacidade; e non ter sido despedido mediante expediente disciplinario. Ademais, as persoas aspirantes deberán estar en posesión do certificado de escolaridade, estudos primarios ou, como mínimo, 2º da ESO ou equivalente.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende este martes e durante dez días hábiles. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro. As bases e toda a documentación sobre o proceso selectivo está dispoñible na web municipal.



