
O Concello de Porto do Son compartiu nova información sobre o proxecto para crear na vila sonense un novo centro de saúde, un proxecto que implica a compra dun edificio sen rematar no centro de vila e en cuxa adquisición o Goberno local investirá finalmente 350.000 euros. O alcalde sonense Luis Oujo manifestou que o proceso de compra coa empresa propietaria está xa moi avanzado e que xa se fixo un levantamento topográfico da edificación e un control técnico que verificou que a estrutura do inmóbel achega condicións axeitadas de seguridade.
O rexedor sinalou tamén que con estes datos de idoneidade tentarase axilizar o proceso para poñer o edificio a disposición do SERGAS, dando vía libre ao peche do perímetro e ao inicio dos traballos internos de reconstrución.
Respecto dun dos elementos que xera dúbidas entre a cidadanía, a superficie de aparcamento, o alcalde sinalou que o novo centro de saúde achegará unha cantidade importante de prazas de estacionamento tanto para o persoal do centro como para os usuarios. Esta superficie de aparcamento estará situada no propio inmóbel e ofrecerá, sinalou, as máximas comodidade e seguridade para a cidadanía, que só terán que deixar o seu vehículo e subir polo ascensor ou as escaleiras para acceder ao andar onde estará situado o propio centro de saúde.
O alcalde manifestou o seu compromiso de acelerar os procesos para converter en realidade a nova infraestrutura, xa que o inmóbel que está a día de hoxe operativo ten claros sinais de antigüidade e desgaste que se viron agravados polas inclemencias climáticas do pasado inverno.
Sinalou tamén que o Concello fará no antigo centro de saúde unha serie de reformas básicas para poñer freo aos problemas de filtracións nas xanelas e de pingueiras, pero tentando axustar os investimentos ante a máis que previsíbel aceleración do proxecto do novo centro de saúde.



