A Pobra aproba os orzamentos municipais para 2024

16 Abril 2024

O salón de plenos do Concello da Pobra do Caramiñal acolleu na xornada deste luns 15 de abril a sesión ordinaria do Pleno da corporación correspondente ao mes de marzo, a cal contou coa ausencia do concelleiro Manuel María Durán Guillán (PP). Entre outros acordos, aprobouse definitivamente o orzamento municipal para o exercicio 2024, logo das resolucións das reclamacións presentadas contra a aprobación inicial. Tamén prosperou (cos votos en contra do PP) unha proposta da alcaldía contra o proxecto da empresa Altri a carón do río Ulla, en Palas de Rei, que, segundo fixeron saber os grupos que aprobaron a proposta, tería importantes consecuencias ambientais para a nosa comarca. Igualmente aprobouse unha moción do PP en apoio dos gandeiros e dos agricultores. A orde do día foi a que figura a seguir:

1 Proposta de alcaldía delegación de prezos públicos na xunta de Goberno local. Aprobada con 7 votos a favor (Nós Pobra, BNG, PSdeG-PSOE e VIxP) e 5 abstencións (PP).

2 Aprobación definitiva do orzamento municipal para o exercicio 2024 e resolucións das reclamacións presentadas contra a aprobación inicial. Aprobada con 7 votos a favor (Nós Pobra, BNG, PSdeG-PSOE e VIxP) e 5 en contra (PP).

3 Corrección erro acordo plenario do 7 de febreiro 2024 (cesión fondos Museo Valle-Inclán). Aprobado por unanimidade.

4 Proposta de alcaldía alegacións industria de fibra téxtil (Altri). Aprobada con 7 votos a favor (Nós Pobra, BNG, PSdeG-PSOE e VIxP) e 5 en contra (PP).

5 Proposición Alcaldía elección Xuíz/a de Paz titular e substituto/a. Aprobada por unanimidade a inclusión na orde do día por non ir previamente ás comisións informativas. Aprobada por unanimidade.

6 Moción do grupo municipal do PP relativa ós galiñeiros de autoconsumo. Aprobada con 5 votos a favor (PP), 3 abstencións (BNG e VIxP) e 4 en contra (Nós Pobra e PSdeG-PSOE).

7 Moción do grupo municipal do PP relativa ó apoio ós agricultores e gandeiros españois. Aprobada a inclusión da emenda do BNG con 7 votos a favor (Nós Pobra, BNG, PSdeG-PSOE e VIxP) e 5 abstencións (PP). Aprobada a moción emendada con 7 votos a favor (PP e BNG), 1 abstención (VIxP) e 4 en contra (Nós Pobra e PSdeG-PSOE).

8 Moción do grupo municipal do PP relativa ós problemas da rúa Rafael Calleja. Denegada ao contar con 5 votos a favor (PP) e 7 en contra (Nós Pobra, BNG, PSdeG-PSOE e VIxP).

    Finalmente, procedeuse coa segunda parte do Pleno relativa ao control dos órganos de goberno.

    Ao igual ca o resto, a sesión está dispoñíbel na canle do Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.

    Outros artigos

    Publicidade

    Revista en papel

    Opinión