
A patronal boirense (ABE), o Concello de Boiro e os centros de ensino da localidade puxeron en marcha a I edición do Concurso de Carteis Escolares Somos Boiro, do que xa se deron a coñecer, este 10 de abril, as persoas gañadoras.
O xurado, composto por un profesor/a de cada centro participante, un técnico do departamento de Educación do Concello de Boiro, a concelleira de Educación e un representante da ABE, elixiron os 8 traballos que terán como premio ser os protagonistas da campaña de promoción do consumo local da ABE na primavera 2024, aparecendo os debuxos, o nome dos/as autores/as e os centros en 45 pancartas colocadas nos farois da rúa peonil e en 2 lonas de 20 metros cadrados colocadas na fachada do Consistorio.
Ademais cada autor recibirá un Bono Abe por valor de 30€ para empregar, sen caducidade, en calquera dos máis de 200 negocios asociados a ABE.
A patronal sinalo que “debido á calidade dos traballos o xurado decidiu dar un 9º galardón que terá os mesmos premios que o resto de traballos seleccionados”.

A temática do concurso tiña que ver co consumo local e a posta en valor da contorna boirense, o patrimonio e a lingua: os gañadores foron os seguintes:
-Freya Cernadas, catro anos
CEIP de Pazos – Comoxo
-Valeria Hermo, tres anos
CEIP de Cespón
-Lía Alcalde, 5 anos
CEIP de Escarabote
-Nicoláo Piñeiro, 8 anos
CEIP de Abanqueiro
-David Sieira, 9 anos
CEIP Santa María do Castro
-Nicolás Suárez, 9 anos
CEIP Santa Baia
-Lía Tarrío, 11 anos
CEIP Praia Xardín
-Aldara Pedrosa, 13 anos
IES Praia Barraña
-Leo Miguéns, 15 anos
IES A Cachada
Exposición e entrega de premios
O Concello engadiu que “ante a gran calidade dos traballos presentados decidimos organizar unha exposición cunha selección dos mellores traballos presentados que se poderán ver na da Casa da Cultura Ramón Martínez López (A Cachada)”. Esta mostra inaugurarase o vindeiro mércores 17 de abril ás 18:00 da tarde coincidindo co acto de entrega de premios aos 9 alumnos gañadores do concurso.
Ademais os 9 traballos gañadores poden verse na páxina web da ABE, www.abe.gal, e a partir de maio nas rúas da localidade transformados en pancartas da campaña de promoción do consumo local da asociación de empresas.
Ao concurso presentáronse mais de mil traballos de escolares de 9 centros educativos de Boiro e a valoración por parte da organización é de enorme satisfacción tanto pola participación como pola calidade dos carteis.



