
As alumnas do Programa Integrado de Emprego 2023/2024 que o Concello de Boiro leva a cabo coa colaboración dos Concellos de Rianxo e A Pobra, participan no curso de Aplicación de fundamentos básicos de cociña.
Así, catorce das alumnas do PIE están a recibir formación en técnicas culinarias de cociñado e preparación de carnes, peixes, verduras e hortalizas, e tamén en decoración e empratado para presentación do menú.
Este curso forma pare do itinerario formativo do sector hostalaría-hotelería que está para rematar no que se van iniciar os trámites de intermediación laboral con empresas para lograr insercións laborais no sector. O programa ten como obxectivo “acadar a inserción laboral dun mínimo de corenta e cinco mulleres”, sinalou o Concello de Boiro, engadindo que está destinado a 100 mulleres da comarca inscritas como demandantes de emprego que, durante un ano, reciben formación específica e tamén participan en xornadas formativas destinadas a mellorar as súas habilidades para mellorar a empregabilidade e a inserción laboral. A formación deste curso consta de módulos formativos de envasado, acondicionado e embalaxe de produtos alimentarios; sistemas e procesos loxísticos; mercadotecnia online; atención ao cliente; preparado de produtos do mar…
Ademais da formación en módulos específicos, o programa inclúe outras accións transversais como a formación para a mellora da empregabiliade, formación en habilidades sociolaborais, idiomas e novas tecnoloxías, prospección de ofertas, deseño de currículos… Todas as participantes contan cunha bolsa de asistencia de 10 euros/día e un módulo de prácticas específicas en empresas da comarca.
O Programa Integrado de Emprego 2023/2024 do Concello de Boiro no que colaboran os Concellos da Pobra e Rianxo está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o servizo Público de Emprego Estatal.



