
A asociación inclusiva da nosa comarca Amicos vai levar a Porto do Son, este luns, a súa exposición itinerante sobre o autismo, organizada con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo (o pasado 2 de abril). A apertura da mostra será na fachada marítima sonense este 8 de abril ás 12.00 horas.
Trátase dunha exhibición itinerante que percorrerá os concellos do Barbanza durante este meses de abril e maio.
Na inauguración estarán presentes os peques da asociación acompañados por alumnado da zona e representantes do Concello e da Corporación. Na cita procederase á lectura dun manifesto e levarase a cabo un xogo inclusivo sobre o autismo.
A mostra consiste en tres monólitos con información sobre o autismo. O obxectivo é “achegar á cidadanía información sobre este trastorno para sensibilizar sobre a situación das persoas con TEA e a necesidade de contar cun entorno accesíbel”.
A exposición informativa sobre o autismo botou a andar o día 2 na rúa de Galicia de Ribeira. Percorrerá distintos puntos do Barbanza para achegarse aos veciños e veciñas de todos os puntos da comarca. Como dixemos, logo da estadía en Ribeira os monólitos poderán visitarse na fachada marítima de Porto do Son entre o 8 e o 10 do mesmo mes. Do 11 ao 14 será a quenda da Pobra do Caramiñal, onde os veciños poderán velos se se achegan aos xardíns municipais da Alameda.
O seguinte punto na viaxe será Boiro, en concreto a rúa peonil Doutor Santos Mieites, á altura da Panadería Susi, onde poderán ser consultados do 15 ao 21 de abril. E a semana seguinte, do 22 ao 28 de abril, será a veciñanza de Rianxo a que poida achegarse ata a praza de Padrón para coñecer máis a fondo o TEA. Noia acollerá a exposición do 28 de abril ao 6 de maio nos xardíns municipais do concello e Lousame será a última parada no itinerario, onde os monólitos estarán instalados do 6 ao 12 de maio.



