O dodrense Anxo Angueira Viturro, ingresa na Real Academia Galega o vindeiro 27 de abril

03 Abril 2024

Anxo Angueira Viturro (Dodro, 1961) ingresará na Real Academia Galega como membro de número o sábado 27 de abril nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no auditorio municipal de Padrón a partir das 12:00 horas. O profesor da Universidade de Vigo e escritor, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, pronunciará o discurso titulado I es a noite, i es a aurora. A poética da luz de Rosalía de Castro, ao que lle dará resposta en nome da institución a académica Chus Pato.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. A sesión, organizada co apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Padrón, poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal.

Anxo Angueira Viturro é profesor titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e centra os seus estudos na xénese e nas características do Rexurdimento. Autor de traballos como Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento (2013) ou Rexurdimento: a palabra e a idea (2019), conta cunha intensa e dilatada dedicación á obra de Rosalía de Castro, con achegas que permiten unha lectura anovada e respectuosa coa vontade da autora. Editou Cantares gallegos (2013), Follas novas (2016), En las orillas del Sar (2019) e La flor, A mi madre, poesía dispersa e traducións (2023), publicou diversos artigos e antoloxías sobre a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, e preside, dende o ano 2012, a Fundación Rosalía de Castro, na que desenvolve un destacado labor de divulgación da figura e do legado literario da escritora.

Como investigador e ensaísta, cómpre destacar tamén, entre as achegas sobre distintos autores, os estudos e edicións da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín: Con Pólvora e magnolias. Guía de lectura (1992); Poesía enteira de Heriberto Bens (1999); A espiral no espello. Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego (2009).

Como creador literario, o académico electo debutou con Val de Ramirás (1989), accésit do Premio Esquío de Poesía, ao que lle seguiron os poemarios O valo de Manselle (1996), Libro da vertixe (1997) -gañador do Premio Díaz Castro-, Fóra do sagrado (2007) e Palmeiras, piueiros (2021). Como narrador é autor de Bágoas de facer illas (1997), Premio Café Dublín; Pensa nao (1999), novela gañadora do Premio Xerais na que brilla a lingua popular ao servizo dunha auténtica epopea do pobo galego; A morte de A (2003) e Iria (2012). Cultiva tamén o articulismo, na actualidade cunha colaboración mensual en Nós Diario.

O académico electo compaxina a súa faceta literaria e investigadora cun intenso labor como activista cultural dende diversas frontes. Membro fundador da asociación Redes Escarlata (2001) e coordinador dos premios de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro e Rosalía de Castro do Concello de Padrón, sobresae o seu labor á fronte da fundación da autora, período no que se acometeu a reforma museolóxica da Casa da Matanza.

Outros artigos

Volve co Samaín o Claustro do Terror no Concello de Noia

Tras o éxito do ano pasado, regresa o II Claustro do Terror, que volverá converterse nun dos grandes protagonistas do Samaín de Noia. Novamente as persoas participantes terán que resolver un crime no Consistorio, e a resolución virá acompañada dun ambiente axeitado...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.