O Concello de Porto do Son anunciou esta Semana Santa, a través do seu alcalde Luis Oujo, que está a preparar o terreo para habilitar unha nova captación de auga no principal curso fluvial do termo municipal: o río Sieira. A estación estará situada no lugar de Prado do Monte e o custe das obras situaríanse nos tres millóns de euros, sendo cubertas na súa totalidade pola Xunta de Galicia. Segundo fixo saber o rexedor, o obxectivo é pór remedio ás eivas de subministro que sofren durante a tempada estival as parroquias lindeiras de Queiruga, Caamaño, San Pedro de Muro e Xuño, parroquia esta última por onde discorre na súa meirande parte o dito río. As instalacións posibilitarían non só a captación, senón tamén o tratamento e mesmo o almacenamento da auga nas tempadas de grandes chuvias.




