
A Asociación de Empresarios de Ribeira emitiu un comunicado no que expresa a preocupación das empresas e veciños que a integran no relativo á seguridade cidadá no concello. Segundo indican, en “data do 31 de xaneiro de 2024 asistimos á reunión da Xunta Local de Seguridade, na que participaron entre outros a subdelegada do Gobierno en Galicia, María Rivas López, o alcalde Luís Pérez Barral e os xefes da Policía Nacional e Policía Local, xunto co presidente da patronal Francisco Martínez Gude”. Durante a xuntanza, indican, “chegouse á conclusión de que é preciso incrementar a presenza dos axentes nas rúas a pé, para desta maneira lograr que a delincuencia diminúa”. Pois ben, engaden no comunicado, “os días pasados, logo de dous meses dende a devandita reunión, constatamos que de momento nada se fixo respecto diso, e é por iso que aos responsábeis lles pedimos publicamente que cumpran co acordado, que non quede todo nun compromiso de boas intencións que logo non se realizan”.
No seu escrito os empresarios lembran que “quen sofre os roubos e as pelexas e outros tipos de violencia así o demandan”, e que “a nosa veciñanza e os nosos comerciantes, que son as vítimas desta inseguridade, merecen estar debidamente protexidos”.
Por todo isto, a patronal solicita novamente “que se cumpran os compromisos, que non quede todo en boas palabras nunha reunión”, e engaden: “Desexamos que esta carta sirva para que as autoridades competentes cumpran e sexa incrementada a presenza policial, para que a veciñanza, e quen nos visita, estean seguros e protexidos tanto nos seus bens como nas súas persoas”.



