
Dous meses, maio e xuño, serán os que a frota polbeira de Galicia dediquen á veda deste cefalópodo. Unha medida técnica que comprende o plan de polbo co obxectivo de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie. Deste xeito protexe a súa produción e contribúe a unha explotación máis sustentable.
Para elo, a Consellería do Mar e o sector aplícanse nun novo plan, que entrará en vigor o próximo exercicio, no que se pretende ampliara a veda dotando a esta de apoio económico, extremando o control e contando con máis e mellores datos da situación da especie para optimizar a súa xestión.
Todo está disposto, segundo informa a Consellería do Mar, a expensas de que se aprobe o plan experimental para a xestión do polbo e á falta de aprobación e publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da resolución para esta campaña 2024-2025.
Quedará polo tanto expresamente prohibida a captura desta especie no período sinalado e por medio de calquera arte en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo, ben exteriores ou interiores. Deste xeito, as embarcacións dedicadas á captura do cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto. O tempo de veda será tamén de aplicación á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para o polbo.
A campaña, consensuada co sector, abrirase a finais do mes de xuño. Ao rematar a veda non varían nin os quilogramos estipulados como capturas máximas nin as especies acompañantes que se poden capturar. Permanecerán igual os horarios, tal e como se explicitará no DOG.
No que corresponde aos horarios tamén seguirán os mesmos, e no que atinxe aos desembarques, trabállase na mellora da adecuación das autorizacións en varios postos para que non haxa problemas no día a día.
A comisión de seguimento vai estudar unha condición específica para a frota con porto base en Malpica, cuxas circunstancias especiais pola proximidade a un dos límites zonais do plan, obrigará a revisalas para dotalas de maior flexibilidade.
O Plan será máis completo na campaña 2025-2026, que podería implicar catro meses de parada, dous deles con probable subvención como paro biolóxico.
Este Plan 2025-2026 comezará a definirse de inmediato ao fin de poñelo en marcha, o que permite á frota ir axeitando a súa actividade anual á parada.
De cara ao ano que ven tentarase mellorar o seguimento e obter máis datos e con maior precisión ao fin de poder realizar unha mellor xestión do recurso.
Trabállase ademais nun plan de control e seguimento das actividade de gardacostas e gardapescas das confrarías de pescadores, co obxectivo de ser máis esixentes e permita reducir a mínimos as posibles desviacións sobre a norma.
As regulacións dos tamaños mínimos proporcionarán que o peso mínimo dun quilogramo para o polbo pase a ter unha marxe de tolerancia de 50 gramos unha vez se realice e rexistre a pesada no momento do desembarque, cuestión que actualmente demandan as organizacións do sector da pesca.
Caixa de entrada


