Que o exfutbolista brasileiro Dani Alves estea en liberdade baixo fianza, non sorprende a ninguén como consecuencia de tantas especulacións ao respecto. Este feito ven de producirse este luns, catorce meses dempois de ter ingresado no cárcere de Brians 2 e após depositar unha fianza dun millón de euros.
O que fora recoñecido xogador do F. C. Barcelona abandonou a prisión logo da condena a catro anos e medio de cárcere imposta por ter violado a unha muller nos baños do reservado dunha discoteca da capital catalana o 30 de decembro de 2022.
En liberdade provisional, Alves tivo que facer fronte á fianza fixada pola sección 21 da Audiencia de Barcelona, co voto particular en contra dun dos maxistrados. Alves levaba en prisión preventiva dende o 20 de xaneiro de 2023 e a Fiscalía Provincial de Barcelona interpuxo un recurso de súplica contra a liberdade baixo fianza do exfutbolista, debido a que se manteñen os motivos polos que se adoptou a prisión provisoria do ex-xogador vai un ano.
Dani Alves foi condenado como autor responsable dun delicto de agresión sexual a unha pena de catro anos e seis meses de cadea. Está obrigado a se presentar todos os venres (o día anterior, no caso de que o venres fora festivo) por sentenza da Sección 21, ata tanto non se revogue a medida citada, e deberá estar localizable. Non poderá abandonar o territorio español e ten prohibido comunicarse ou achegarse a menos de mil metros da vítima. Alves tardou case que unha semana en reunir o diñeiro. A cifra estipulada é unha das máis altas fixadas polos tribunais españois.
No auto, o Tribunal sinalou que “se declara bastante a fianza dun millón de euros e, en consecuencia, se admite a liberdade” do ex-barcelonista Alves, garante de que non vai fuxir.
A setenza foi recorrida tanto pola defensa de Alves -que durante o xuizo solicitara a súa absolución- como pola Fiscalía, que quere endurecer a pena. Estas apelacións poden ter unha resolución dentro de varios meses. A defensa do brasileiro pediu a liberdade provisional alegando que o seu defendido xa cumprira un cuarto da pena recibida, a instancia que o habilitaría, en caso de sentenza firme, a comezar a ter beneficios penitenciarios.
Entre boa parte da sociedade española considérase que a liberdade concedida a Alves sería de moi difícil, senon imposible de aplicar, de non se tratar dun condenado con moitas posibilidades económicas, o que fai que se espalle a idea de que só libran da prisión aqueles que dispoñen de máis poder económico.



