O 5 de febreiro comezou no centro de recursos da Asociación AMBAR (Frións, Ribeira) de persoas con diversidade funcional a formación vinculada ao certificado de profesionalidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

O alumnado da formación segue avante coa primeira fase de formación teórica, unha vertente formativa “dinámica e enriquecedora”, en palabras de AMBAR, que explica que os asistentes aproveitaron para facer varias visitas a empresas da Comarca coa docente da formación Carla González.
Os comercios que visitaron son provedores de maquinaria e EPIs (equipos de protección individual) que lles serán de utilidade coñecer de cara á seguinte fase de prácticas. Visitaron a sede de Hermanos Barral, Comercial Sánchez, Comercial Duarte e Suministros Triñanes.

Este curso realízase co apoio financeiro da Fundación ONCE a través da Convocatoria de Axudas Económicas para a Selección de Operacións para o Reforzo da Empregabilidade para Persoas con Discapacidade “Uno a Uno” Programa FSE+ de Inclusión Social – Ano 2023-2024.
Desenvolverase no marco do Programa de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza FSE+ 2021-2027 (Programa FSE+ de Inclusión Social) do Fondo Social Europeo (FSE), en concreto co Obxectivo Político 4, Prioridade 2, Obxectivo Específico h), establecido no Artigo 4 do Regulamento (UE) 1296/2013, relativo a “Fomentar a inclusión activa ó obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos”.



