As organizacións ecoloxistas Amigos de la Tierra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF veñen de remitir á Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, e ao Ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, a súa “enorme preocupación” ao comprobar que a empresa Altri, oficializou a súa intención de instalar una enorme fábrica de produción de celulosa solúbel e fibras vexetais a base de eucalipto en Palas de Rei (Lugo, comarca de A Ulloa). Nas ditas cartas, as ONGs alertan sobre “os enormes impactos negativos que a industria tería tanto a nivel social como ambiental”, e aseguran que sería “decepcionante e incomprensíbel que dende o Estado se facilitase o financiamento público dunha industria tan agresiva”. Na súa carta poñen o foco tamén nas “graves consecuencias ambientais” que tería o proxecto para a ría de Arousa, xa que o río Ulla é o principal curso fluvial que desemboca nela.

Nas cartas remitidas aos ministerios, as organizacións chaman a atención sobre as mudanzas que sufriu o proxecto dende que fora anunciado polo presidente da Xunta hai tres anos: “O que en principio se vendeu coma un proxecto innovador e ambicioso para producir Lyocell, un tecido de alta calidade, máis ecolóxico que as fibras artificiais transformouse finalmente nunha nova pasteira a base de madeira de eucalipto”. Tamén manifestan a súa sorpresa polo cambio de titularidade do proxecto dende que se declarou Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) por parte da Xunta de Galicia en decembro de 2022, que pasou de ser promovido por Altri a unha sociedade de nova creación, Greenfiber S.L. na que tamén participa Greenalia.
Segundo lembran, o proxecto presentado, que terá unha capacidade de produción de 400.000 toneladas de celulosa e 200.000 de Lyocell ao ano, requirirá unha captación de 46.000 m³/día de auga do Ulla, que é, recordan, “tanto como consume toda a provincia de Lugo”. Ademais, din, ten un permiso de vertedura industrial ao río Ulla de 30.000 m³/día de augas residuais.
As ONGs salientan que entre os moitos impactos negativos que detectan, chama a atención a localización da instalación, que afectaría negativamente até a tres espazos da rede Natura 2000 (ZEC Serra do Careón, ZEC Sistema Fluvial Ulla-Deza e ZEC Sobreirais do Arnego) e mesmo ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, pois o río Ulla desemboca moi preto da Illa de Cortegada. Ademais, engaden que os terreos nos que se pretende emprazar a planta de celulosa formaron no seu día parte das propostas de ampliación da Rede Natura en 2008 e 2011 da propia Xunta, que nunca se levaron a cabo. As ONGs ecoloxistas lembran, especialmente a Teresa Ribera, que a Comisión Europea abriu a España (e a Galicia entre outras CCAA) diversos procesos de infracción por incumprimento das súas obrigas para completar a rede Natura 2000 e pola ineficacia dos instrumentos de xestión.
Finalmente, as cinco entidades ecoloxistas advirten do impacto no tecido socioeconómico tanto da comarca da Ulloa, eminentemente rural e agrogandeira, paso obrigado do Camiño de Santiago, coma na ría de Arousa, os seus ecosistemas litoriais, bancos marisqueiros e a pesca tradicional.



