O Consistorio de Santiago acolleu este 19 de marzo a presentación da sétima convocatoria de Alguén que respira!, o festival compostelán de poesía cuxa nova edición celébrase do 21 ao 23 de marzo, achegando un amplo abano de actividades arredor da palabra e da música. A axenda dará comezo coa lectura dun manifesto do xornalista Alfonso Armada, escrito para conmemorar o Día Mundial da Poesía deste 21 de marzo.

Alguén que Respira! Poesía para corpo principal é unha iniciativa da Concellaría de Capital Cultural do Concello de Santiago, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e co apoio da USC. Na presentación da nova edición participaron a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, e o director do festival, Antón Lopo.
Segundo explicaron, o festival terá este ano como eixo temático a poesía en territorio conflito, con especial atención ás áreas de enfrontamento bélico, pero tamén as tensións sociais, as das identidades ou as que suceden no corpo. Recitais, concertos e faladoiros ocuparán Teatro Principal e a Igrexa da Universidade en tres días de programación intensa que encherán estes espazos de palabra e música.
Tras agradecer a colaboración das institucións participantes, Míriam Louzao salientou a fondura desta “proposta que nos permitirá afondar no valor da poesía como resistencia, como ferramenta contra as opresións, contra a inxustiza e as tiranías; como activo para favorecer o cambio social e prender a esperanza tamén en tempos de conflito e de loita”.
O secretario xeral de Política Lingüística puxo en valor o papel da poesía alén da súa compoñente estética, salientando o seu “impacto social e educativo”, que considerou especialmente necesario nestes tempos nos que “asistimos á confluencia de tensións e xeopolíticas que nos teñen que facer reflexionar sobre a necesidade de entendernos e buscar a paz”. Valentín García aplaudiu tamén a oportunidade que o Respira! ofrece á lingua galega para “fomentar a súa proxección internacional e cara a outras estéticas e sistemas literarios e culturais”.
Antón Lopo recoñeceu que a sétima edición do festival está a ser “a máis conflitiva” das desenvolvidas até o momento pola temática escollida para establecer ese marco de reflexión e, nese senso, remarcou que “o feito de que estean no cartel do festival un poeta palestino como Bitari e unha poeta hebrea como Tal Nitzan é para nós unha satisfacción, pois o obxectivo máximo é que a poesía sirva de ámbito de encontro, de ámbito de paz”.
Tres días de intensa actividade poética
A lectura do manifesto do Día Mundial da Poesía, este xoves 21 ás 19.30 horas dende os balcóns do Teatro Principal e a cargo do xornalista vigués Alfonso Armada, dará paso ao recital inaugural da sétima edición do Respira! que, baixo o título Poesía para corpo principal, desenvolverase no interior do teatro. A palabra do portugués André Tecedeiro, figura central do activismo trans no país irmán e do ámbito performático europeo, comparte sesión coa proposta híbrida entre música e poesía da investigadora e poeta catalá María Sevilla e coa fascinante proposta sonora do aragonés Gustavo Giménez. A pacifista hebrea Tal Nitzan súmase tamén a este recital que brindará, ademais, a oportunidade de asistir a unha experiencia única como é a improvisación de jazz de Abe Rábade xunto á súa irmá María do Cebreiro a partir de poemas de A lentitude.
O poeta palestino Mohamad Bitari encabeza o cartel do encontro A palabra percórreme a pel como beliscos de lume do venres 22 ás 20.00 horas no Teatro Principal. Canda a súa, haberá ocasión de escoitar outras voces de territorios xeográficos distantes que viven, dende hai anos, en medio de escaladas bélicas e procurar ámbitos de reflexión e de encontro. Recitarán daquela Hasmik Simonian, Nigar Arif, Zara Hasnaui, Karima Ziali e Hekin Sefkan, na compaña de Isabel Martín e Samuel Merino.
O sábado 23, a acción músico-poética trasládase á Igrexa da USC, que acollerá a partir das 20.30 horas as actuacións de Guadi Galego con Su Garrido, da poeta e música aranesa Alidé Sans, da rapeira malagueña Eskarnia e do dúo valenciano de tecno-poesía No Poet. A sesión ofrecerá tamén a oportunidade de escoitar os versos de Aroa Misa, Claudia Romero e Serxio Abalo, gañadoras da segunda edición dos premios Respira! para o alumnado.
Ademais, o festival reservará novamente un espazo específico no seu programa para os faladoiros que abren a grella de actividade e serven de limiar aos recitais. A sección As mañás do ambigú reunirá a partir das 12.30 horas neste espazo de conversa do Teatro Principal xornalistas, poetas, investigadoras, activistas e correspondentes de prensa para reflexionar e debater sobre o panorama dun planeta en conflito multipolar. O xornalista e poeta Alfonso Armada e a tamén xornalista e tamén poeta Carmen Villar inaugurarán a sección o xoves 21. O venres 22 será quenda para a reporteira Cristina Sánchez e Iván Prado, responsábel da asociación Pallasos en rebeldía. O sábado 23 tomaranlles o relevo o xornalista Caetano Díaz e o director do Instituto Galego de Documentación Internacional (IGADI) Daniel González Palau.
Mantense tamén a xa habitual sección Atravesei a cerca, unha iniciativa que fai de todo o Teatro Principal un espazo para a poesía. O sábado 23 a partir das 18.00 horas permitirá que as persoas asistentes escoiten as propostas de Olalla Cociña, Dores Tembrás, José María Cumbreño e Luís López Alonso con Rafael Mallo.
Ademais, o festival convocou a segunda edición dun premio para o alumnado galego co gallo de fomentar a poesía no impulso das ideas. Os premios irán dar a Aroa Misa García, de quinto de primaria, co seu poema Si e non; Claudia Romero Dorna, estudante de ESO, por Danza dos corpos inertes; e o estudante universitario Serxio Abalo por Uxío. Os premios serán entregados no recital de clausura do festival o sábado 23.
Todas as actividades son de balde, previa retirada de convites (máximo dous por persoa) na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C· Punto de Información Cultural.



