“Defender o noso tamén dende o mar” – Antón Luaces

14 Marzo 2024

Sei que fai moitos anos que xa non “canta” os lotes de peixe na lonxa de Ribeira, pero a “cantinela” do señor Juan, “O Vendedor” (nunca fixo falta especificar máis para saber de quen se falaba) mantense na memoria dos que tivemos a oportunidade de, en máis dun cento de ocasións seguir de preto ese debullar cifras, lotes, nomes de barcos e armadores, na percura dunha resposta que confirmaba a compra do lote. 

Un berro do comprador (que se entendía como a ratificación da adquisiciòn) pechaba ese recital de nomes e cifras, ese ir pasando das fanecas aos xurelos, das xulias aos fodóns, da sardiña á xarda e así nunha enorme listaxe que o daquela meu veciño na antiga rúa de José Antonio (nas “Casas Baratas”) entoaba ao caer da tarde naquel vello local sempre mollado, ata ben entrada a  noite, era coma unha salmodia ou ladaíña que, compradores como Evangelina (que ben xogaba ao fútbol o seu fillo Pepe), Ciprián Villa, Antonio Penín e moitos outros de Ribeira e outras localidades, seguían con devoción na poxa sempre á baixa, á espreita de que ninguén lles adiantara no berro de compromiso: “miña!!”. 

As cousas cambiaron moito nas lonxas, e as subhastas non teñen hoxe en día aquela excitación que prendía nos asistentes a elas levados da rea dos 24, 23, 22, 21, etc. que o señor Juan levaba en descenso ao ceo dos benaventurados.   

Véuseme hoxe á memoria esta pasaxe do que a cotío se vivía na lonxa ribeirense por mor dun  chamado que, dende a Internet -guasap polo medio- facía un home que, desafortunadamente, non recoñezo. Un chamado ao uso da língua galega para a denominación das distintas especies de peixes que entran na poxa diaria que se celebra na lonxa de Ribeira.

Laiábase este embatado -semellaba un médico- defensor do galego, da rotulación en castelán dos nomes comerciais cos que popularmente eran coñecidas aquí as distintas especies subhastadas: pez de San Pedro por sanmartiño; sepia por chopo; buei de mar por boi de mar; jurel por xurelo; bogavante por lumbrigante; abadejo por badexo; lubina por robaliza; calamar por lura; merluza por pescada; brótola de roca por bertorella; aligote por dentón; begel por rubio ou mascacho; julia por xulia…. e poñía o acento este defensor da autenticidade galega, na necesidade de que tamén no mar se respecte a língua matricia que, nunca para ben, se está a perder nesta Ribeira que tanto de seu deixou xa polo camiño na andaina cara a normalización da língua, dadas as moi especiais características (recoñecidas) da que na capital barbanzana se falaba vai 70 anos.

Coa miña felicitación particular para ese home que, papeleta na man, defendía os nomes galegos do peixe vendido en Galicia, permitan que reclame o que el pedía. Aos meus anos podo/debo permitirme esta pequena, grande? licenza. 

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.