Unha forte sarabia obrigou a cortar a AP-9, ao seu paso por Pontevedra, durante case unha hora tras se producir varios accidentes. O máis grave, con quince vehículos implicados, rexistrouse en dirección á Coruña, á altura da parroquia de Alba, entre os quilómetros 126 e 127.
Os servizos sanitarios confirmaron ao 112 Galicia que unha decena de persoas implicadas en ambos accidentes, que tiveron lugar cuns minutos de diferenza en cada un dos sentidos da autoestrada, foron evacuadas aos hospitais Montecelo e Domínguez da localidade.
Por outra banda, a Garda Civil de Tráfico informou de que foron quince os vehículos accidentados, once no sinistro ocorrido en sentido norte e catro nos carrís en dirección Vigo.
Convén sinalar que os primeiros avisos, que chegaron ao 112 Galicia a través das chamadas de particulares, contáronse contra as 11 horas desta mañá entre os quilómetros 126 e 127 desta autoestrada, e que varios dos alertadores comunicaron que o accidente puido producirse pola presenza de xeo na estrada.
No operativo participaron, ademais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros, a Policía Local e Protección Civil de Pontevedra, así coma os operarios de conservación da estrada.



