
Os docentes Mª Belén González Fonteboa e Fernando Martínez Abella, do Grupo de Investigación gCons (Grupo de Construción), que forma parte do CITEEC da da Universidade da Coruña; participan xunto cun consorcio de empresas formado por Aquática e Ronáutica Marinas, en colaboración coa empresa Ad Hoc Smart Solutions, no proxecto Steel Free Heaby Pontoons. A iniciativa consiste na instalación na ría de Vigo de novos peiraos flotantes, formados por estruturas de formigón modulábeis realizadas con chasis de polímeros reforzados con fibras (PRF). “Isto”, explican os investigadores, “suporá unha mellora nas características de flotabilidade e estabilidade fronte ás estruturas de aluminio, e garantirá unha durabilidade superior que a dos de formigón armado, que son a maioría dos instalados na ría, ao non contar con elementos metálicos na súa construción”.
O pasado mes de xaneiro, no marco deste proxecto, tivo lugar a botadura destes novos peiraos sustentábeis, que formarán parte da dársena de A Laxe, en Vigo.
A participación do grupo de investigación gCons dentro do proxecto ten como obxectivo demostrar que esta tecnoloxía é válida nas condicións de traballo, e colaborar na súa implantación no mercado. Para iso, levaron a cabo no CITEEC diferentes ensaios experimentais. Entre eles, destacan os de adherencia entre os perfís pultrusionados de polímeros reforzados e o formigón, ensaios dos elementos de unión entre perfís pultrusionados, e o deseño e os ensaios de caracterización do formigón usado para os peiraos. Tamén se realizou o cálculo das solicitacións e cargas ás que estará sometido o peirao de formigón con chasis de PRF.
A pultrusión é un proceso automatizado para producir perfiles con reforzo de fibra, tamén chamados perfiles pultrusionados ou perfiles RFV. Neste proceso de fabricación continua, prodúcese un perfil mediante a combinación específica de reforzos de fibra e sistemas de resina, ofrecendo un alto grao de liberdade de deseño.




