
A concelleira de Igualdade, Cruz Rivadulla, a concelleira de Cultura, Antía Alberte e a responsábel do CIM de Ribeira, Loli Crujeiras, presentaron este venres 1 de marzo pola mañá os actos que terán lugar a vindeira semana con motivo do Día Internacional da Muller (8M).
O 4 e o 5 de marzo desenvolverase o obradoiro As mulleres que nos constrúen, dirixido ao alumnado de primaria co CEP Plurilingüe de Carreira e o CEP Plurilingüe de Artes, e o 6 de marzo celebrarase o contacontos Cabaleira dirixido ao alumnado de primaria no Auditorio Municipal. “Esta programación ten como propósito educar e celebrar a diversidade, destacando o poder da igualdade de xénero e o papel fundamental da muller na sociedade.” explicou a concelleira Cruz Rivadulla.
O día 7 de marzo o Centro de Información á Muller de Ribeira organiza un obradoiro gratuíto de Bixutería e Reciclaxe con Lixo Atelier, para o que será preciso facer unha inscrición previa na conta de correo ribeiradinonvx@ribeira.gal.
O día 8 celebrarase unha Homenaxe ás mulleres das Artes Plásticas no Auditorio Municipal ás 12:00 coa intervención da escultora Soledad Penalta e a escritora Patricia Torrado. Loli Crujeiras animou a participar nesta homenaxe “a tódalas mulleres que teñan unha traxectoria ou faceta artística na súa vida, aínda que non sexa exclusiva”.
A concelleira de Cultura Antía Alberte, lembrou que o programa do Marzo Cultural comeza este 1 de marzo coa inauguración da mostra EmpoderArte no C.C. Lustres Rivas, unha exposición colectiva de mulleres artistas locais. A concelleira destacou a “necesidade de integrar o feminismo de forma transversal en todas as políticas e actividades desenvolvidas no ámbito municipal” e o compromiso “deste equipo de goberno a adoptar un enfoque feminista en todas as nosas iniciativas”.



