O Concello de Ribeira e a Xunta avalían iniciativas de cooperación para dinamizar a industria no municipio

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e máis o tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, mantiveron un encontro co secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, para presentarlle o proxecto do novo polígono industrial para Ribeira.
No encontro valoraron diferentes actuacións para mellorar a dispoñibilidade do solo empresarial no Barbanza. “O proxecto do novo complexo industrial”, sinalou o rexedor, “é unha actuación prioritaria para o Goberno ribeirense, xa que é preciso xerar novos postos de traballo e facilitar a tódalas empresas que se queiran instalar en Ribeira un espazo axeitado para desenvolver a súa actividade”.
O Concello de Ribeira, promotor do polígono industrial, está levando a cabo as expropiacións definitivas e a mediados do mes de marzo realizarase o seu pagamento. Este, sinalaron, é o paso previo para avanzar co proxecto de urbanización e “dar un pulo a esta actuación tan importante no noso municipio e que supón un investimento próximo aos 13 millóns de euros”, explicou Pérez Barral, anunciando que o Concello solicitará tamén a liña para o reforzo e extensión de redes de distribución eléctrica dos parques empresariais; posta en marcha pola Consellería.
Este mércores 28 de febreiro, na presentación do proxecto ante a Consellería de Industria, estudáronse vías de cooperación e financiamento para a actuación que abrangue máis de 158,000 metros cadrados útiles que servirán ao asentamento do tecido industrial. “Precisamos que tódalas administracións competentes na materia se impliquen, e que a Xunta de Galicia comprometa recursos para facer viábel este polígono” afirmou o rexedor, engadindo que “temos o compromiso da Deputación da Coruña para mellorar a estrada de acceso que conectará o polígono coa Autovía do Barbanza”.
Segundo explicou o tenente de alcalde, “este equipo de Goberno está dando un impulso importante a este proxecto estratéxico para poñelo en marcha canto antes” para, sinalou, “evitar a fuga de empresas e promover o crecemento económico do municipio coa creación de novos postos de traballo”.



