“Ela era maior e el, vello”. Luís Celeiro

29 Febreiro 2024

Viviran en parella máis de sesenta anos. Daquela casaban de novos, cando aínda eran
mozos, cando eran outros tempos e a vida -segundo contan- era doutra maneira, diferente á
vida de hoxe, que vai de apurada en apurada, de présa e sen parada. Cando se achegaba aos
noventa, sentaba ao carón do lume e dáballe mil voltas ao tambor de asar as castañas, coas
castañas dentro. Ela, sentada na outra esquina do banco e tamén xunto do lume, fiaba co
seu fuso a la rapada das ovellas da casa. Falaban entre eles, pero ningún dos dous escoitaba
nada.
A radio tamén falaba. Era A Pirenaica, como el lle chamaba, a única que coñecía e da que se
fiara. Nisto chegan os veciños, que andaban dando de comer ás vacas e aos porcos da ceba;
apágase a radio, sacan as castañas do tambor e todos darredor da cesta, comendo e falando
ata que o sono tardío mandou parar. Era unha forma de vida que agardaba por outra.
Daquela a intelixencia que se coñecía era unicamente a natural, esa que axuda a andar pola
vida e a falar do que se ve e se aprecia.
Aqueles vellos morreron e a mocidade daquel magosto xa son vellos e maiores ou moi
maiores. No lugar non queda ninguén e as casas, nas que vivía a xente, o gando, as pitas e
os cans, están derrubadas e os seus nomes esquecidas. Quen se acordará de nós, cando
pasen uns anos? Preguntaba aquel home que asaba as castañas, con tanto gusto, para a
veciñanza numerosa. De agora en adiante, dicía ela, mentres seguía fiando, de nós quedará
a lembranza, se alguén queda con memoria.
Aos dous días, foron xuntos á feira e pola fiestra da cantina viron outra parellas igual que
eran eles. Miras eses que están aí tomando café, dá gusto velos, tan maiores e tan ben
parecidos. Nós chegaremos así de vellos? -Ti, meu home, non ves que o cristal da ventá fai
de espello! Eu son maior, pero ti, meu santo, es un vello, non te recoñeces a tampouco me
coñeces a min. A Tía Manuela estaba ao lado, non poido máis e exclamou: Alabado sexa o
señor!
O tempo non se para en números e en Galicia, segundo os datos do Instituto Galego de
Estatística (IGE), a idade media da poboación era en 2022 de corenta e oito anos. Por cada
cen persoas menores de vinte, cento sesenta e oito tiñan máis de sesenta e cinco. Somos
unha poboación bela de vellos.
E, cando unha persoa é vella? Depende de quen opine. Se falamos cun neno da escola, para
el todos as persoas que andan polos corenta anos son vellas ou moi vellas; para un rapaz da
segunda metade do século XX, aqueles que tiñan sesenta anos eran anciáns e para un
octoxenario de hoxe son vellos todos os da súa idade menos el. Galicia, segundo os datos
que achega a estatística, ten unha poboación envellecida, pero o importante, amigos
lectores e lectoras, é manter na cara o sorriso e crer na forza da mocidade.

Outros artigos

“Arcilla, no fango”. Alberto Barciela

La vida es un acto individual que hemos de compartir necesariamente si queremos otorgarle sentido, una lógica. Seguir en soledad sería retroceder, asumir una vida sin sentido, sin convivencia, sin participación. Lo sensato es encontrar un hueco en la zona de consenso....

+

“Fóra de tempo” – Manuel Domínguez

Un estudo filosófico da atemporalidade Samuel Baron, Kristie Miller e Jonathan Tallant Ten habido moito debate sobre como é o tempo, pero non sobre se existe. O obxectivo deste libro é facer pensable a ausencia do tempo. Poida que o tempo non exista. Pois por esta...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Nó gordiano” – Xulio Xiz

“Nó gordiano” – Xulio Xiz

Escoito que un político afirma que “aos xuíces non teñen que escóllelos os xuíces senón o pobo cos seus votos”. Espero que a afirmación berrada se referise a que, unha vez consigan ser xuíces, superando estudos e probas pertinentes, as forzas políticas sexan as que...