
O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, continúa coa súa axenda de visitas a peixerías da comunidade co obxectivo de difundir a campaña AMAR GALICIA co obxectivo de promover a confianza na calidade dos produtos do mar, resaltar a súa variedade e sabor así como a súa propiedades nutritivas e beneficios para a saúde dos consumidores. Villares visitou a peixería Mari Carmen na localidade coruñesa de Teo onde, acompañado pola alcaldesa do municipio, Lucía Calvo, fixo entrega a este establecemento dos carteis da campaña.
O titular de Mar subliñou o transcendental papel que xogan as peixerías e as persoas que as rexentan que, grazas a súa relación directa e de confianza cos clientes, “xogan un papel indispensábel na promoción do consumo de alimentos mariños, contribuíndo a que cheguen a súas mesas e reivindicou o consumo dos peixes, mariscos e conservas galegos como a mellor fórmula de apoiar aos profesionais do mar”.
Alfonso Villares puxo en valor o protagonismo dos fogares e establecementos hostaleiros á hora de difundir as bondades e a altísima calidade dos produtos do mar galegos e sinalou que “nada diso sería posíbel sen o traballo e compromiso do conxunto dos máis de 50.000 profesionais que traballan nas diferentes etapas da produción pesqueira que aglutina, desde a captura, cultivo e recolección da materia prima á súa transformación e posterior distribución”.



