“Voar nas ondas: a Radio viva que fai revivir” – Antón Luaces

14 Febreiro 2024

Están a se cumprir os primeiros 100 anos da radio en España e 145 anos dende que a lectura dun texto da Biblia e a interpretación con violín da canción Oh Holy Night a cargo de Reginald Fessenden na Noiteboa de 1879, abrían a primeira transmisión radiofónica do mundo. Foi dende Brant Rock, Massachusets (EUA).

 Nesa histórica data os buques que se atopaban en plena navegación puideron escoitar a devandita transmisión que, talvez sen pretendelo, inauguraba un novo tempo de información, entretemento e música. Nacía, xa que logo, a posibilidade de se comunicar internacionalmente a través das ondas hertzianas. E, co paso do tempo, a barallar horarios coas siglas UTC (Tempo Universal Coordinado) que, para os que tivemos a marabillosa oportunidade de realizar programas e informativos en Radio Exterior de España (a canle en onda curta de Radio Nacional de España que se escoitaba en todo o mundo) significou unha primeira vez de o facer dende Galicia, en concreto dos estudos de RNE na Coruña instalados no histórico edificio de estilo modernista da Terraza, a escasos 100 metros do mar.

Dous informativos diarios: pola mañá e pola tarde, en idioma galego, que moitos naturais de Galicia seguían con sumo interese en lonxanos países, nomeadamente en América e, de xeito especial, en Cuba, Argentina, Chile, Venezuela, Uruguay, Brasil e USA. Esta audiencia víuse incrementada exponencialmente en Europa por mor da emigración española dos anos 60 do século pasado en países como Francia, Inglaterra, Alemaña, Suiza, Bélxica e a circulación internacional de camioneiros con mercadorías españolas destinadas a grandes superficies comerciais e almacéns desas nacións.

Este martes de Entroido, 13 de febreiro, a Radio -sempre me gustou escribila con maiúscula- celebrou o seu día mundial. Unha conmemoración que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia aproveitou para reivindicar o papel do xornalismo de proximidade no contexto da radio dixital “dentro do novo ecosistema radiofónico dixital que haberá marcar o futuro do medio”.

Na edición deste ano, baixo o lema Un século informando, entretendo e educando, a UNESCO lembra os máis de cen anos  do medio radiofónico (91 este ano no caso de Galicia) e chama a reflexionar sobre “o notábel pasado, o presente relevante e a promesa dun futuro dinámico”.

Deses 91 anos de radio en Galicia, e sempre na radio pública, tiven a oportunidade de, durante algo máis de 50 anos, realizar o meu soño dourado: facer radio. Maiormente no eido dos informativos en Radiocadena Española e, de xeito moi significado para min, nos de Radio Nacional de España, aquí con programas de ámbito nacional (“Pasión por América”, “Campo y mar” e “Mar adentro”) e, en Radio Exterior de España, a vivencia única de “Españoles en la Mar” que, durante anos, permitiume o contacto con 83 millóns de oíntes -moitos deles galegos, por certo, e sobre todos, hispanofalantes- cos que aínda hoxe en día é posible rememorar ese programa que outros compañeiros realizan e que o converten nun dos máis antigos do dial internacional.

Foi unha etapa inesquecible da miña vida profesional, comezada esta con outros tamén inesquecibles compañeiros -María Dolores Folgar, María de los Ángeles Cores Amigo, Josè Lino Rivas Pena, etc,- nun modestísimo estudo dotado dun único locutorio, un control de son e un recibidor, que ocupaban parte do primeiro andar do edificio que a parroquia de Ribeira tiña a carón do antigo cemeterio parroquial, na rúa Colón.

Todo comezou para min aquí, neste edificio que supoño xa nin existe; pero que para quen isto escribe no Día Mundial da Radio 2024, tanto significou e aínda significa. 

Por outros 100 anos máis de Radio.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...