
A subdelegada do Goberno, María Rivas, e o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, repasaron este xoves 1 de febreiro os principais indicadores de seguridade do municipio no marco da Xunta Local de Seguridade en Ribeira. Ambos coincidiron en salientar a importancia da coordinación entre forzas e corpos para avanzar na seguridade no concello. María Rivas destacou que “case a metade das infraccións penais foron esclarecidas”.
Ademais, acordaron seguir impulsando a coordinación entre a Policía Nacional e a Policía Local para “potenciar a seguridade cidadá e dar unha mellor resposta á veciñanza de Ribeira”. Para iso acordaron continuar na senda da cooperación entre administracións, así como avanzar no reforzo das patrullas a pé nas zonas comerciais.
O rexedor ribeirense tamén destacou a incorporación de dous axentes na Policía Local e informou de que este ano incrementaranse outros dous.
Pola súa banda, a subdelegada indicou que no ano 2023 fíxose “un gran esforzo canto á coordinación entre a Policía Nacional e a Policía Local”, recalcando que levaron a cabo: 52 reunións de coordinación, 78 intervencións conxuntas, 21 auxilios humanitarios conxuntos, 30 controis preventivos conxuntos e 16 colaboracións en detencións.
María Rivas manifestou a súa satisfacción polo traballo realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade ao longo deste último ano, o que ten reflexo, dixo, “na mellora dos esclarecementos no caso das infraccións penais, chegando a esclarecerse a metade dos delitos cometidos, e que arroxa un índice de eficacia do 42%; o que permitiu a mellora dos resultados do ano anterior”. Neste sentido, María Rivas subliñou que “a prevención, o seguimento e a investigación constante son claves para a resolución e para mellorar a eficacia policial”.



