“Romanceiro do Pedregal de Irimia, de Xosé Otero Canto” – Xulio Xiz

02 Febreiro 2024

O escritor da Ponte de Outeiro Xosé Otero Canto vén de publicar o Romanceiro do Pedregal de Irimia, editado por Xermolos e a Irmandade Manuel María, coa colaboración do Concello de Meira.

Con debuxos de Anxo Grande Penela conta o autor en cadanseu romance lendas que brotan, como a primeira auga do Miño, do máis fondo do Pedregal de Irimia na Serra de Meira.

O Pedregal é un terreo propicio para a maxia, o misterio e a lenda. Pasar por riba dos enormes macizos pétreos é unha sensación inesquecible, e sentir agurgullar a auga por debaixo dos nosos pes, no profundo do bosque inanimado, é como conversar coa natureza de igual a igual; como unha fusión máis aló do espazo e do tempo entre a auga, a pedra e o noso espírito.

Estou convencido que desta mesma sensación de irrealidade tan real está imbuido Otero Canto cando proclama que

As pedras do Pedregal

son homes petrificados

pois así quedaron eles

froito dos moitos pecados.

Unha luminosa LIMIEIRA de Felipe Senén abre de par en par con palabra de druída un mundo máxico que ten por puntos cardinais Castro de Rei ou Meira, o Miño e a Lagoa de Cospeito, as augas ou o Pedregal.

Velaquí un Romanceiro de lenda – de lendas -, desas especiais transmisións atemporais entre xentes con ilusión e con fe, que perciben a contorna e a vida con moitos máis mecanismos de recepción ca os cinco sentidos físicos. E Otero Canto fabula sobre as ideas máxicas do devanceiros para proporcionar un abano de posibilidades – que aínda que non fosen certas, serían ben trovatas – nas que un por chairego, por ilusionado e “polo si ou polo non” quere crer.

Augas nutricias do Miño,

arrolos de manancial,

ronroneo arremedado

para un meniño arrombar.

Por que non imos soñar con que Xúpiter e Xuno fixeron dúas enormísimas fendas polas que discorreron o Miño e o Sil, e cando recapacitaron xuntaron os dúas correntes fluviais para entrambas conformar un mundo?

Por que non imos crer na vella que, fuxindo do diaño, vai soltando as pedras e fai máis humano – e á vez máis maxestático – o nacemento do primeiro brote do Miño na Serra de Meira?

Por que non imos marabillarnos de que Bernardo de Claraval fixese retroceder os demos que asolaban o mosteiro, ou de que infernais dragóns cargados de grandísimas laxas, ao non poder apedrar o mosteiro, crearon o pedregal?

Por que non puido haber neste lugar unha maga, Irimia, que fixo brotar as pedras para os monxes, que devecían por este manancial, nunca puideran contemplar o nacemento do Miño?

Unhas colosais cuarcitas,

rochas silíceas de grans,

forman un río de pedra,

funil da faixa ao baixar.

O Pedregal de Irimia, nos altos da Terra Chá, fonte inesgotable de auga patria, nimbado de lendas, ten desde agora un Romanceiro para soñar e cantar co son aparentemente monótono, sempre novo e harmonioso, do agurgullar das augas que conforman o primeiro espírito líquido chamado a converterse no Pastor dos ríos de Galicia.

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.