
Cando era adolescente acudía, acompañando ao meu pai, a moitas reunións e asembleas do sector pesqueiro e marisqueiro de ambas as marxes da ría de Arousa. Era moi difícil chegar a un encontro consensuado de todos os sectores para reivindicar unhas mellores condicións laborais e sociais. Case imposible aprobar un documento conxunto con demandas a expor, ante a administración pesqueira. O individualismo e o interese sectorial predomina por encima do benestar xeral.
Neste sentido ocorre o mesmo con moitos traballadores pesqueiros que faenan a bordo de embarcacións de baixura ou altura. Saben, coñecen e padecen as condicións laborais terceiromundistas, en moitas desas embarcacións, e non teñen a valentía de denunciar. Co seu silencio cómplice conseguen que a roda de fortuna económica, para uns poucos á conta do traballo e a vida doutros, continúe florecendo.
Un exemplo para seguir, por todos os actores do mundo do mar, tería que ser a valentía das familias dos 21 mortos do barco pesqueiro “Villa de Pitanxo”, que conseguiron que os peritos xudiciais cheguen á conclusión de que as causas do naufraxio foi debido a un “erro humano do capitán”. Cantas mortes de inocentes ou accidentados no mar quedaron impunes, ao longo de décadas, pola falta de valentía dos seus familiares ou compañeiros de traballo? En cada faladoiro, no porto ou na taberna, é un segredo a voces a impunidade coa que aínda seguen actuando moitas empresas armadoras, como no caso de referencia. Mentiras, subornos, mafias, todo vale polo poder e o diñeiro.



