A Xunta de Goberno local de Santiago aprobou este luns o proxecto para rehabilitar os firmes asfálticos de 17 rúas do ámbito urbano. A intervención suporá un investimento de 385.166,26 euros (IVE incluído) para actuar sobre unha superficie aproximada de 15.600 metros cadrados, cun prazo de execución fixado en catro meses.
A voceira do executivo municipal, Míriam Louzao, explicou que os traballos se adaptarán ás necesidades específicas de cada punto. O listado de vías incluídas abarca Rial de Conxo, Poza Real de Arriba, Volta do Castro de Abaixo, Limpadoiro, os accesos ao aparcadoiro do Multiúsos Fontes do Sar, Vite de Arriba (camiño do Regueiro), as vías da Granxa de San Lázaro, Cubelo, Vinte e Cinco de Xullo, Penamaría, Altiboia, Mallou, Vite de Arriba, Vías de Lermo, rúa do Carballo, avenida do Cruceiro da Coruña e avenida de Xoán XXIII.

Estabilización do noiro da rúa dos Caraveis
Na mesma sesión aprobouse o proxecto para consolidar o noiro da rúa dos Caraveis, cun orzamento de 122.788,68 euros e un prazo de obra de tres meses. Segundo indicou Louzao, os informes técnicos vinculan o derrube parcial da vía cun desmonte executado nunha parcela privada sen a preceptiva licenza municipal, polo que o Concello xa incoou un expediente de reposición da legalidade.
Aínda que a Administración local asumirá de xeito subsidiario a execución das obras para garantir a seguridade na vía pública, o Goberno municipal avanzou que emprenderá as accións legais oportunas para reclamarlle os custos e as responsabilidades correspondentes á propiedade privada.
Obras nas parroquias e outros acordos
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á licitación de dúas actuacións no rural financiadas a través do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña:
- O Eixo: Rexeneración do pavimento no Camiño Real de Piñeiro, cun orzamento base de 60.726,83 euros.
- Laraño: Pavimentación da rúa de San Roque, cun investimento previsto de 115.454,27 euros.
Por último, o executivo compostelán completou a orde do día coa adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Santiago.



