A compañía lusa substitúe a romanesa Flyyo a partir do 1 de decembro sen afectar as reservas xa emitidasA comercializadora de voos Fly2Galicia asinou un acordo estratéxico coa aeroliña portuguesa White Airways para que esta última opere todas as súas conexións comerciais desde o aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro a partir do vindeiro 1 de decembro. A alianza garante o lanzamento das oito rutas directas previstas, que sumarán un total de 17 frecuencias semanais cara a tres destinos estatais —Alacante, Granada e Zaragoza— e cinco europeos —Bruxelas, Milán, Múnic, Praga e Venecia—.

A entrada de White Airways substitúe o acordo anunciado anteriormente coa compañía romanesa Flyyo. Segundo informou a empresa galega, esta substitución no operador aéreo non terá ningún impacto sobre os billetes xa vendidos, polo que os pasaxeiros que adquirisen as súas viaxes con antelación manterán as mesmas condicións sen necesidade de realizar trámites adicionais.
Desde a firma impulsada polo empresario turístico Georgi Iavorov (baixo a sociedade Aviation & Mobility Services Group, con sede na capital galega) destacan a mellora operativa que supón contar coa compañía lusa, especialmente pola proximidade dos seus centros de mantemento en Portalegre (Portugal) e Madrid, así como pola súa experiencia no mercado español. White Airways conta coas certificacións internacionais de seguridade operacional IOSA da IATA e organización técnica PART-CAMO para o mantemento da aeronavegabilidade.
Modelo wet lease e condicións para os viaxeiros
A operativa desenvolverase baixo a fórmula wet lease ou ACMI (aeronave, tripulación, mantemento e seguro), habitual na aviación comercial. Baixo este esquema, Fly2Galicia xestiona a oferta comercial, a venda de billetes e a atención ao cliente, mentres que White Airways achega os avións, as tripulacións e asume tanto a operación aérea como os servizos de asistencia en terra (handling).
Con esta estrutura, Fly2Galicia mantén a súa política comercial para todos os voos e tarifas, que inclúen de xeito gratuíto un snack a bordo e a posibilidade de levar en cabina unha maleta de man (trolley) de ata 8 quilos ademais dun bolso ou accesorio persoal.



