
O Auditorio Municipal de Ribeira continúa enchéndose de propostas culturais do máis diverso. O cómico Luís Piedrahita estará no 7 de maio, ás 20.30 horas, co seu espectáculo Apocalípticamente correcto; un enxeñoso monólogo sobre a liberdade e o destino.
Piedrahita reflexiona con ironía sobre o horóscopo e as autocaravanas, demostrando que o destino non está escrito nin nas estrelas nin nos mapas das estradas.
O humorista abordará diferentes temas controvertidos sen ningún temor porque, para el, o medo é o gran inimigo da liberdade. O medo espanta a risa, pero, de maneira recíproca, a rida espanta o medo. Trátase dun show no que non faltará algo de maxia para entender a orixe dos medos e das esperanzas.
“Unha vez máis chega ao noso buque insignia da cultura un espectáculo de primeiro nivel co gran Piedrahita; un dos humoristas máis recoñecidos e prestixiosos deste país. Será unha oportunidade única para ver como sube ao escenario sen máis artefactos que un micrófono, a súa voz e o seu enxeño”, segundo apunta a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
A venda das entradas comeza no luns, 23 de novembro, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase paralelamente na páxina web ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da Casa Consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais (só con tarxeta bancaria), o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 24 euros, máis gastos de xestión.




