
Tras nove meses de curso, os dous novos axentes da Policía Local de Muros remataron este venres 9 de outubro o seu período de formación na Academia Galega de Seguridade Pública (A Estrada).
A alcaldesa de Muros, María Lago; a concelleira de Seguridade Cidadá, Sandra Maneiro, e Ismael, da Policía Local de Muros, estiveron hoxe na Estrada para estar xunto a Jonathan e Sergio. Suso Campos, xefe da Policía local de Muros, titorizou aos novos axentes durante a súa formación.
O Concello de Muros remata desta forma un longo período de traballo e xestións, polas dificultades que teñen as administracións locais para incrementar as prazas de Policía Local.
“É unha gran satisfacción que Muros conte con Jonathan e Sergio, mellorando un servizo público esencial”, asegurou María Lago. “Fixemos un esforzo enorme para dotar o corpo de Policía Local de novos efectivos, un traballo que continúa para afrontar a escaseza de persoal e as dificultades que temos os concellos para contratar”, engadiu a alcaldesa.
Sandra Maneiro quixo poñer en valor que “este aumento do equipo humano da Policía Local beneficia a toda a veciñanza de Muros nun aspecto tan valorado pola sociedade como é a seguridade”.



