O Xabarín apadriña os VI Premios Fouciño, que anuncian as doce curtametraxes que competirán nesta edición

06 Outubro 2026

Comezou a conta atrás para a sexta edición dos Premios Fouciño, que se celebran en Baio (Zas) entre o 22 e o 24 de outubro, poñendo o foco na animación galega. Desta volta o certame contará cun padriño moi destacado, o xa mítimo programa Xabarín da TVG, en palabras da organización “a gran icona de varias xeracións de galegos e galegas”. Seis curtas na categoría Xeral e outras seis na Escolar foron seleccionadas entre as 66 pezas presentadas, a cifra máis alta da súa historia e case o dobre que na pasada edición.

Un convidado de excepción

Hai máis de trinta anos, unha xeración de cativos e cativas galegas comezou a medrar vendo debuxos, escoitando música e descubrindo o mundo en galego da man dun personaxe que acabaría formando parte da memoria colectiva do país. Agora, o Xabarín convértese no padriño da VI edición dos Premios Fouciño e segundo adiantan dende a organización, “a elección non é casual”. De feito, a programación fóra de concurso desta edición estará centrada na animación galega, con diferentes sesións de curtametraxes e unha sesión especial que a organización desvelará en datas vindeiras.

Facendo un algo de historia, a organización lembra que o programa Xabarín naceu na TVG en 1994 creado graficamente por Miguelanxo Prado, e dende aquela, sinalan, “Xabarín transcendeu axiña a súa condición de mascota televisiva para converterse nunha das grandes iconas da cultura popular galega”. Salientan tamén que “o universo do Xabarín Club fixo da animación, da dobraxe, da música e, sobre todo, da lingua galega parte da vida cotiá de milleiros de nenos e nenas”. Máis de tres décadas despois, apadriñará un festival que busca precisamente estimular novas vocacións audiovisuais e facer do galego unha lingua para crear e contar historias.

Doce curtas optan aos VI Premios Fouciño

Xunto ao anuncio do seu padriño, os Premios Fouciño dan a coñecer as doce curtametraxes finalistas desta sexta edición, seis na categoría Xeral e outras seis na Escolar. A escolma chega nun ano de récord para o certame. Segundo informan os impulsores do concurso, este recibiu 66 pezas audiovisuais, “a cifra máis alta da súa historia e practicamente o dobre que na pasada edición”. Delas, 45 concorreron na categoría Xeral e 21 na Escolar, estas últimas procedentes de 15 centros educativos.

As seis finalistas na categoría Xeral son Amor Líquido, de Dani Blue; Alicia no país do esquecemento, de Irene Pin; O refuxio, de Fran da Lobeira; Nas ondas do tempo, de Adrián Porima; O costume do traballo, de Luis Morla; e A do Insta, de Aleixo Pérez Aponte.

A escolma reúne xéneros e miradas moi diferentes. Amor Líquido parte dunha parella que se prepara para comunicar durante unha cea familiar a súa decisión de separarse; mentres Alicia no país do esquecemento achégase á memoria e á súa conservación a través da escritura e da música. En O refuxio, dous radioafeccionados reúnense nunha taberna arredor dun misterioso descubrimento, e Nas ondas do tempo acompaña un mariñeiro retirado que continúa atrapado no recordo do sucedido unha noite no mar.

Pola súa banda, O costume do traballo recupera a memoria dos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol e das mortes de Amador Rey e Daniel Niebla durante unha mobilización obreira. Pecha a selección A do Insta, na que dous amigos se dispoñen a ir á casa dun rapaz que lles cae mal cunha misión moi concreta: ligar coa súa irmá.

A creación audiovisual máis nova, tamén a concurso

Na categoría Escolar, todas as pezas foron creadas expresamente para participar nos Premios Fouciño, unha das vías coas que o certame procura achegar a creación audiovisual ás novas xeracións.

As seis finalistas son Nariz de Ouro, do CEIPP Celso Emilio Ferreiro (Cerceda); Mariña, a serea do castelo, do CEIPP San Vicenzo (Vimianzo); Os poetas e o lume, do CEIP Labarta Pose (Baio); Midsommar, do IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra); Toda a verdade?, do IES Río Miño (Rábade); e Soñar, do CEIP Xesús Golmar (Lalín).

Entre as participantes volve destacar a presenza de centros da Costa da Morte, froito tamén dos obradoiros de cinema desenvolvidos polo equipo dos Premios Fouciño ao longo do ano para fomentar a participación e a creación audiovisual entre o alumnado da comarca.

O xurado e os premios

As doce finalistas serán avaliadas por un xurado formado pola xornalista e comunicadora Alba Mancebo; a directora de arte e deseñadora de vestiario Melania Freire; a actriz, dramaturga e creadora Mariña Lestón; e Alberto Villar López, fotógrafo e histórico director do Grupo de Teatro Badius de Baio, ademais dun representante do Concello de Zas. As curtametraxes finalistas proxectaranse o sábado 24 de outubro en Baio, xornada na que o público tamén poderá votar polas súas favoritas. 

Os Premios Fouciño, organizados pola AC Premios Fouciño co apoio do Concello de Zas e da Deputación da Coruña, naceron co obxectivo de “promover o cinema como medio de expresión, especialmente no ámbito amador e semiprofesional, e contribuír a incrementar a presenza da lingua galega”. 

Outros artigos

Rianxo acollerá o 17 de outubro unha nova edición da Gladiator Kids

Rianxo acollerá o 17 de outubro unha nova edición da Gladiator Kids. Trátase dunha carreira de obstáculos de carácter lúdico, solidario e non competitivo dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. A proposta está pensada para que os máis pequenos gocen da...

+

Leiro (Rianxo) comeza este venres 9 as súas Festas do Carme

Xa metidos de cheo no mes de outubro, a festa non se detén. Esta fin de semana e parte da seguinte, dende o venres 9 ata o luns 12, celebraranse as Festas do Carme na parroquia de Leiro, en Rianxo. O cartel inclúe unha completa programación de orquestras, grupos e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Desaloxos” – José Manuel Pena

“Desaloxos” – José Manuel Pena

A quen beneficia os desaloxos de familias vulnerables, sen alternativa habitacional? Grazas a algúns partidos da dereita política e económica os lanzamentos de vivendas habituais continúan con total alegría e desamparo xudicial. O negocio da vivenda continúa con total...

O Barbanza

Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.