
O domingo 11 de outubro o Centro Social de Boiro vai ser o escenario dunha proxección do mellor cinema galego. Concretamente proxectarse o filme Antes de Nós, que achega unha ollada íntima á figura do rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dirixido por Ángeles Huerta. Será ás 19.00 horas. A sesión encádrase no Ciclo de Cine Mestre Mateo que leva a cabo a Academia Galega do Audiovisual en diferentes concellos da xeografía galega, incluído o de Boiro.
A longametraxe Antes de nós propón unha aproximación íntima á figura de Castelao a través da relación coa súa muller, Virxinia, nun relato que se desenvolve en dous momentos clave das súas vidas. Dirixida por Ángeles Huerta e con guión de Pepe Coira, a película está protagonizada por Xoán Fórneas e Cris Iglesias e conta cun equipo técnico no que destacan a música de Sofía Oriana, a fotografía de Lucía C. Pan e a produción executiva de Zaza Ceballos, construíndo un retrato humano e emocional dun momento decisivo na vida de Castelao e na historia cultural de Galicia.
Antes de nós é unha longametraxe producida polo selo Zenit TV, que se filmou o ano pasado nunha decena de concellos galegos.
Trátase da máis recente longametraxe de Ángeles Huerta, directora de O corpo aberto ou Esquece Monelos. No filme nárrase o exercicio de Castelao como médico en Rianxo durante a gran gripe de 1918 e a viaxe que realizou a Bretaña en 1929, acompañado pola súa muller, Virxinia Pereira, tras a perda do seu único fillo aos 14 anos de idade. Así, a fita afonda nas emocións e nas circunstancias vitais de Castelao antes de se converter no referente histórico que coñecemos na actualidade.
Xoán Fórneas, no papel do intelectual rianxeiro, e Cris Iglesias, no da súa dona, encabezan o reparto galego de Antes de Nós, do que tamén forman parte Nancho Novo, Xoel Fernández, Miquel Insua, Sergio Zearreta, Isabel Vallejo ou Adrián Ríos.
Ademais de Pontevedra e Rianxo, lugares escollidos pola relevancia na vida de Castelao, a rodaxe levouse a cabo noutras localizacións de Santiago de Compostela, Muros, Fisterra, Catoira, A Estrada, Silleda ou Negreira, onde se reproduciron os escenarios nos que viviu o protagonista.



