
O Bloque Nacionalista Galego de Outes, a través do seu voceiro Anxo Núñez, emitiu un comunicado crítico co Goberno local por “manter unha vivenda municipal de alugueiro pechada por máis de 500 días”.
No comunicado o grupo refírese á vivenda social municipal que foi preparada, arranxada e amoblada para o seu uso o ano pasado por parte do anterior goberno local, emprazada na antiga Escola do Bosque e propiedade do Concello.
Dende o BNG lémbrase que o inmóbel xa conta coa normativa necesaria para alugala pero “máis dun ano e medio despois, o PP mantena pechada sen facer nada ao respecto”. De entrada, sinala Anxo Núñez, “isto significa para as arcas municipais unha perda de entre 3.000 e 5.000 € de amortización do investimento e 19 meses dunha vivenda baleira que podería estar prestando servizo á veciñanza”.
Lembra no comunicado que “o Concello é propietario de varias vivendas coma esta que se atopan en abandono total dende hai décadas”, pero, engade, “o Partido Popular nunca fixo nada por coidar este patrimonio de toda a veciñanza”. Sinala tamén que algunhas delas, como a de Cando, “levaba pechada a cal e canto dende o peche da propia escola”.
Para Anxo Núñez, hai dúas opcións: “Ou se deixan caer as propiedades a anacos ou se arranxan e se alugan”. E engade: “No BNG témolo claro, hai que manter o que é de todos e todas e poñelo ao servizo da veciñanza. É por iso polo que tiñamos tamén en proxecto arranxar as vivendas de Lantarou, Tarás e outras. O razoábel é ir pouco a pouco, amortizando os investimentos municipais a través dos alugueiros á vez que se crea unha bolsa de vivenda municipal en Outes para dar un servizo e contribuír ao asentamento poboacional”.



