
A quen beneficia os desaloxos de familias vulnerables, sen alternativa habitacional? Grazas a algúns partidos da dereita política e económica os lanzamentos de vivendas habituais continúan con total alegría e desamparo xudicial. O negocio da vivenda continúa con total impunidade a pesar dos miles de persoas que están nas rúas de todo o país, loitando contra a usura e a especulación inmobiliaria.
Os desafiuzamentos son os maiores atentados en contra da dignidade humana. A pesar de que a Constitución e numerosos tratados internacionais protexen o Dereito á Vivenda, a realidade é que moito Administracións Públicas, principalmente os Concellos e as Comunidades Autónomas, continúan incumprindo a legalidade vixente e desenténdense de garantir unha alternativa habitacional para as persoas e familias vulnerables.
Demasiadas persoas aínda entenden a vivenda como negocio e para obter rendibilidade económica, cando é un ben básico e de primeira necesidade como pode ser a educación, a sanidade ou a dependencia, coas que tamén se fai negocio, co beneplácito da maioría dos nosos gobernantes.
Persoalmente estiven fronte a decenas de desaloxos de familias e persoas vulnerables, decretados polos Xulgados de Ribeira, Noia, Padrón, Corcubión, Vilagarcía de Arousa e Cambados. A dor, a desesperación, a indefensión e a saúde mental era a tónica xeral de todas esas persoas, con nome e apelidos. Suicidios, algúns se produciron por estas situacións inxustas e indesexables, isto se que é terrorismo de estado.



