A Piscina Municipal de Noia reabre tras 61.500 euros en obras de renovación e mellora

07 Outubro 2026

A Piscina Municipal de Noia reabriu este mércores tras completar diferentes actuacións de renovación e mantemento que supuxeron un investimento de 61.500 euros. Os traballos permitiron mellorar o sistema de tratamento da auga, resolver filtracións no vaso e renovar diferentes elementos das instalacións, ademais de substituír o intercambiador de calor, cuxo deterioro obrigou a atrasar a reapertura inicialmente prevista, segundo informou o Concello.

Dende o Consistorio lembran que a actuación de maior importe foi a renovación do sistema de cloración automática e dos filtros da auga, cun investimento de 40.000 euros, executado pola empresa adxudicataria Lincold Ibérica, SL. “Trátase dunha intervención fundamental para o funcionamento da piscina, aínda que boa parte dos novos equipos se atopan nas instalacións técnicas e non son visibles para as persoas usuarias”, engadiu o Concello, apuntando que a “estes traballos sumouse a impermeabilización do vaso da piscina, cun investimento de 4.000 euros para corrixir as filtracións existentes, así como outros 7.500 euros en diferentes reparacións e na renovación da tarima da aula de actividades”.

Durante o peche tamén se realizaron actuacións nos vestiarios, reparouse o falso teito e puxéronse a punto a sauna e o baño turco.

Na posta a punto das instalacións participaron as empresas locais Impermiñortos e Pinturas López, ademais do persoal de mantemento e dos traballadores e traballadoras da piscina.

A estas actuacións engadiuse finalmente a substitución do intercambiador de calor, realizada por Electricidade ROT cun investimento de 10.000 euros. Segundo o Concello, “o equipo atopábase gravemente deteriorado e o atraso na chegada da nova peza impediu que a piscina puidese reabrir na data inicialmente prevista”.

O alcalde de Noia, Francisco Pérez Caamaño, destacou que “este investimento responde á necesidade de seguir coidando e mellorando un servizo municipal que utilizan persoas de todas as idades. Hai actuacións que as persoas usuarias poden ver desde o primeiro día e outras que quedan nas instalacións técnicas, pero todas son necesarias para ter unha piscina en boas condicións e garantir o seu funcionamento”.

Pola súa parte, o concelleiro responsábel da Piscina Municipal, Manolo Seijas, destacou o esforzo realizado tanto na mellora das instalacións como na xestión do servizo: “Estamos facendo dúas cousas ao mesmo tempo: mellorar unhas instalacións que necesitaban investimento e mellorar a xestión da piscina. Partíamos dun déficit de máis de 130.000 euros e hoxe estamos moi preto do equilibrio, cun cento de abonados máis e cun aforro importante na xestión. E, ao mesmo tempo, fomos capaces de investir 61.500 euros en actuacións que eran necesarias para a piscina”.

Seijas incidiu tamén na importancia das actuacións que non resultan visíbeis para as persoas usuarias: “Só no sistema de cloración automática e nos filtros investimos 40.000 euros. Son cousas que non se ven cando entras pola porta, pero que son fundamentais para que a piscina funcione correctamente. O mesmo acontece co intercambiador de calor, que estaba moi deteriorado e tivemos que substituír cun investimento adicional de 10.000 euros”.

O concelleiro agradeceu ademais “a implicación das empresas que realizaron os traballos, do persoal de mantemento e de todos os traballadores e traballadoras da piscina”, así como a paciencia das persoas usuarias. E engadiu: “Sabemos que o atraso na reapertura causou molestias e queremos pedir desculpas. Dependiamos da chegada dunha peza imprescindíbel para poder abrir a instalación en condicións e agradecemos a comprensión das persoas usuarias”.

Dun déficit de máis de 130.000 euros a preto do equilibrio

Sinalaron tamén que “a reapertura prodúcese nun momento de mellora significativa da situación económica da Piscina Municipal”. De feito, “no último ano o Concello acadou un aforro de arredor de 40.000 euros na xestión do persoal, ao tempo que o número de abonados aumentou en aproximadamente cen persoas, contribuíndo tamén ao incremento dos ingresos”, informaron Pérez e Seijas, apuntando que segundo o balance municipal “esta evolución permitiu pasar dun déficit superior aos 130.000 euros a situar o servizo actualmente moi preto do equilibrio financeiro”.

Manolo Seijas concluíu explicando que “viñamos dunha situación económica moi complicada e estamos conseguindo darlle a volta. A piscina ten máis abonados, reducimos gastos e estamos moi preto de equilibrar as contas sen deixar de investir nas instalacións. Ese é o camiño que queremos seguir: xestionar mellor para poder ofrecer tamén un servizo mellor”.

Pola súa banda, Francisco Pérez sinalou que o obxectivo do Goberno municipal é “consolidar esta recuperación, garantir a viabilidade dun servizo público importante para Noia e continuar acometendo as melloras que as instalacións necesitan”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La ceguera mental de un regidor”. José Fernández Lago

“La ceguera mental de un regidor”. José Fernández Lago

Los que en estos momentos ya somos mayorcitos, hemos recibido en diversos ámbitos, cuando éramos jóvenes, la misma afirmación: que, en todas las instancias superiores a los individuos, hay que transmitir enseñanzas que sirvan para respetar a los demás y abrirles...

“El faro del Camino de Santiago”. Alberto Barciela

“El faro del Camino de Santiago”. Alberto Barciela

Las rutas hacia Compostela persisten inamovibles, pavimentadas de pasos, de experiencias y de historias que transitan por los siglos y hacia otras geografías. Como bien recordó el historiador Marc Bloch, el Camino de Santiago fue, más que una ruta de fe, el gran canal...

O Barbanza

Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.