
A asociación inclusiva A Creba, que traballa dende o Barbanza para desestigmatizar as doenzas mentais, ten esta tempada unha manchea de actividades preparadas para celebrar o Día Mundial da Saúde Mental 2026 (este 10 de outubro), baixo o lema Fai match coa túa saúde mental e con propostas (principalmente) para ser desenvolvidas nos concellos de Ribeira e Noia (onde A Creba ten presenza física).
En Noia. Charlas sobre xuventude e saúde mental.
Trátase dun programa de charlas dirixidas ao alumnado dende 1º a 4º da ESO e Bacharelato co obxectivo de informar, sensibilizar e previr problemas de saúde mental no contexto educativo, educar en saúde mental ensinando ao alumnado a coidar a súa saúde mental, detectar sinais de alarma ou ter ferramentas que axuden aos estudantes en caso de que exista un problema desta índole. Ademais, A Creba quere seguir dando a coñecer os servizos e recursos dos que dispón a entidade para atender a persoas que se atopan nesta situación.

Ao alumnado máis novo achegaránselles xogos interactivos como A roda dos mitos e Pasapalabra falando acerca dos mitos que existen arredor dos problemas de saúde mental para combater o estigma e tamén repasando termos relativos ao coidado da saúde mental, creando así unha charla grupal na que todas as crianzas poidan participar e propor inquietudes ou dúbidas.
Para o alumnado de 3º e 4º as charlas irán máis centradas nas redes sociais e o impacto que están tendo actualmente na adolescencia. Consistirán tanto en charlas grupais como en xogos interactivos (Con que fai match a túa saúde mental?, Redes vs Realidade e Entre likes e emocións). As accións programadas estarán dirixida aos IES e terán lugar no IES As Insuas de Muros, dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO, no Colexio Maria Assumpta de Noia onde estará dirixido ao alumnado de 3º da ESO , no Instituto IES Campo de San Alberto Noia , IES Virxe do Mar Noia e Colexio Jaime Balmes Noia (datas por determinar).
Sorteo en Instagram. Con que fai match a túa saúde mental?
Con motivo da conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, A Creba propón a realización dun sorteo a través do perfil de Instagram da entidade (@asoacreba), baixo o lema Fai match coa túa saúde mental. A iniciativa está dirixida especialmente á poboación adolescente e xuvenil, co obxectivo de achegar a importancia do coidado da saúde mental dun xeito próximo, participativo e vinculado ás súas canles habituais de comunicación.
A proposta parte dunha dinámica inspirada no concepto de match das redes sociais e pretende convidar as persoas participantes a reflexionar sobre aquelas persoas, actividades, espazos ou hábitos que contribúen ao seu benestar emocional. “Deste xeito, a participación no sorteo non se limita a unha acción promocional, senón que incorpora unha pequena reflexión sobre o propio coidado e sobre a importancia de identificar aquilo que nos fai ben”, explican dende a asociación, engadindo que para participar será preciso comentar a publicación, indicando con que ou con quen facemos match para coidar a nosa saúde mental; compartir a publicación nas stories do noso perfil, e seguir o perfil de Instagram de A Creba (@asoacreba).
Entre as persoas participantes que cumpran os requisitos establecidos realizarase un sorteo ao chou, cuxo premio consistirá nun almorzo para dúas persoas en Dominga, establecemento colaborador da iniciativa.
A actividade busca “aproveitar o potencial das redes sociais como ferramenta de sensibilización, empregando unha linguaxe próxima á mocidade para introducir unha mensaxe relacionada coa saúde mental, o autocoidado e a identificación de recursos e actividades que favorecen o benestar”.
A proposta enmárcase nas actividades de sensibilización desenvolvidas por A Creba con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, contribuíndo a trasladar a mensaxe da campaña a espazos dixitais nos que a poboación adolescente ten unha presenza habitual.
Acto conmemorativo polo Día Mundial da Saúde Mental.

Con motivo da conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, A Creba organizará o vindeiro venres 9 de outubro, ás 12.00 horas, diante da Casa do Concello de Noia, un acto aberto á comunidade co obxectivo de visibilizar a importancia da saúde mental, sensibilizar sobre a necesidade de coidala e contribuír á eliminación do estigma asociado aos problemas de saúde mental.
O acto pretende ser “un espazo de encontro e participación, contando coa presenza de persoas usuarias de A Creba, profesionais, representantes institucionais, entidades da contorna, centros educativos e cidadanía en xeral”, informou a asociación, apuntando que durante a actividade realizarase a lectura dun manifesto polo Día Mundial da Saúde Mental no que se porá o foco “na importancia de promover unha sociedade máis consciente e comprometida co benestar emocional e coa saúde mental”.
Así mesmo, o acto contará coa participación de convidados especiais, que contribuirán a dar visibilidade á celebración e a achegar a mensaxe da campaña á comunidade.
Desde A Creba considérase “especialmente importante” contar coa participación dos centros educativos da contorna, “favorecendo que o alumnado poida implicarse nesta conmemoración e sentirse parte dunha iniciativa comunitaria de sensibilización arredor da saúde mental”.
O acto estará aberto á participación da cidadanía e pretende “constituír un punto de encontro e reivindicación, lembrando que a saúde mental forma parte da saúde integral das persoas e que o seu coidado é unha responsabilidade compartida”.
En Ribeira. Charlas de saúde mental Emocións e redes sociais.
Con motivo do Día Mundial da Saúde Mental 2026, a entidade organiza en Ribeira unha serie de charlas de sensibilización e prevención dirixidas ao alumnado de Educación Secundaria, baixo o lema deste ano: Fai match coa túa saúde mental.
Nas charlas falarase entre outras cuestións as redes sociais, “porque son unha forma de comunicarnos, de relacionarnos, de descubrir cousas novas, de compartir o que nos gusta, e de estar ao día… pero, como todo, teñen dúas caras”, explican dende a asociación.
A través de dinámicas, xogos e actividades participativas búscase “crear un espazo no que o alumnado poida falar, opinar e reflexionar sobre como utiliza as redes e sobre como estas poden influír no seu benestar, na súa autoestima, nas relacións coas demais persoas e na súa autonomía”.
Falarase tamén de temas que están moi presentes no noso día a día: canto tempo pasamos conectados,como sabemos cando estamos pasando de usar as redes a que sexan elas as que nos controlen, como nos fan sentir, como pode afectar á nosa saúde mental buscar likes e necesitar aprobación ou sentir que temos que estar sempre ao día, etc.
Dende A Creba sinalan que obxectivo “non é dicir deixa o móbil” nin “demonizar as redes sociais”, senón que se busca que as persoas mozas teñan máis ferramentas para decidir como, cando e para que as utilizan.
A actividade programada está dirixida aos IES, terá lugar no IES nº1 de Ribeira, no IES Leliadoura e no Colexio Galaxia, pendentes da confirmación das datas das mesmas.

Tamén lérase e o manifesto do DMSM 2026 en ambos IES o venres 09 de outubro.
Concurso de Relatos Breves Ecos da Mente.
A Creba lembra que tamén está en marcha o III Concurso de Relatos Breves con catro categorías, adolescente (12-16 anos), xuvenil (16-30 anos), adulta (>30) e diversa (>16 con diversidade funcional). Os relatos terán que estar escritos en galego, e deben ser orixinais e inéditos cunha extensión máxima de mil palabras (sen incluílo título), e a temática dos relatos debe ser sobre a estigmatización e os prexuízos nos problemas de saúde mental: como nos afectan as ideas preconcibidas sobre os problemas de saúde mental, como os vemos como sociedade, que información transmiten os medios de comunicación e as redes sociais sobre isto, que cambio de perspectiva vivimos respecto fai anos, que efecto ten xulgar ás persoas porque teñen enfermidades mentais, etc. O prazo de presentación remata o 30 do outubro e os relatos serán valorados por un xurado composto por tres persoas con gusto pola literatura: Alicia Padín, técnica de normalización lingüística; Jesús Figueira, profesor de educación primaria; e Raquel Hernández, usuaria da Asociación Ámbar.
Os premios serán os seguintes:
Haberá un premio por categoría que consistirán en vales de compra en establecementos de Ribeira.
– Categoría diversa: un vale de 120 € nos comercios de Ribeira
– Categoría adulta: un vale por valor de 120 € nos comercios de Ribeira
– Categoría xuvenil: un vale por valor de 120 € nos comercios de Ribeira
– Categoría adolescente: un vale de 120 € nos comercios de Ribeira
A entrega dos premios terá lugar na sede de A Creba en Ribeira o mércores 18 de novembro.
II Andaina Solidaria pola Saúde Mental.
O 10 de outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, a comunidade da Creba volverá saír á rúa para camiñar xuntas e xuntos pola saúde mental.
“Porque falar de saúde mental tamén é facelo visíbel, compartir espazos, romper prexuízos e lembrar que todas as persoas formamos parte da mesma comunidade”, sinalan dende a asociación, engadindo que “por iso lanzamos a nosa II Andaina pola Saúde Mental, unha actividade aberta a toda a comunidade, pensada para desfrutar, coñecernos, compartir e, sobre todo, sumar pasos por unha sociedade na que falar de saúde mental sexa algo natural”.
Saída: Praza do Centenario
Hora: 17:00 h
Percorrido: circular e de dificultade baixa
Dificultade: baixa
Inscrición: 5 €.
As inscrición están abertas ata o 9 de outubro, na sede da entidade: rúa Abesadas, nº 11 baixo, Ribeira, en horario de 8:00 a 15:00 h. Ou tamén o propio día da andaina, na praza do Centenario, de 16:00 a 17:00 h.
Tamén pode realizarse a inscrición de maneira electrónica a través de Deporticket.




