
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) desenvolve durante este mes de outubro unha programación especial de formación e encontros empresariais, con catro citas dirixidas a empresas, persoas autónomas e profesionais de Boiro. A programación aborda algunhas das cuestións que están marcando o día a día das empresas: a aplicación da intelixencia artificial aos negocios, os retos da industria e a competitividade, a planificación e dirección empresarial e a captación e retención do talento.
O primeiro dos encontros, celebrado o pasado venres 2 de outubro, estivo dedicado á intelixencia artificial e aos chatbots con Gemini e contou con aforo completo con 30 empresas participantes. O novo Almorzo ABE permitiu coñecer aplicacións prácticas da IA para os negocios, desde a automatización de tarefas e a atención ao cliente ata a planificación de redes sociais, a estratexia de contidos e o deseño visual con Canva e Gemini. A sesión combinou formación, almorzo e un espazo de networking entre empresas.
“Queremos que a ABE sexa tamén un espazo no que as empresas poidan parar, aprender, compartir experiencias e descubrir ferramentas que lles axuden a mellorar o seu día a día. A boa resposta ao primeiro encontro confirma que existe interese por este tipo de propostas e anima a seguir traballando nesta liña”, sinalou Daniel García Dosil, presidente da ABE.
Esta mesma semana, o venres 9 de outubro, terá lugar o segundo encontro da programación: Xeografía Empresarial, que se celebrará no salón de actos da ABE a partir das 10:00 horas. O encontro, que xa ten aforo completo, porá o foco no presente e no futuro do tecido industrial e agroalimentario de Boiro, abordando cuestións como a eficiencia, a transformación, a diversificación e a competitividade.
A xornada contará coa participación de Daniel García Dosil, presidente da ABE; Sara Rodríguez, presidenta de HERMASA e membro da xunta directiva do Círculo de Empresarios de Galicia; e Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do IGAPE.

A parte central do encontro estará protagonizada por Ángel Martínez Martelo, director xeral de JEALSA-Escurís, e Elena Fontán, fundadora e directora executiva (CEO( de Orixe Salgada, nunha entrevista conducida por Pablo López, de CreatiVigo e do Círculo de Empresarios de Galicia.
“É importante que desde Boiro sexamos capaces de falar tamén de empresa, industria e competitividade desde unha perspectiva de futuro, poñendo en común experiencias e coñecementos de persoas que están a liderar proxectos empresariais diferentes”, explica Daniel García Dosil.
O venres 16 de outubro será a quenda da xestión empresarial co encontro Dirixes o teu negocio ou só apagas lumes?, unha sesión práctica de 60 minutos con Guillermo Goldman e Ricardo Riveiro. A proposta busca “axudar ás persoas responsábeis de negocios a levantar a vista do día a día, analizar a situación actual da empresa, definir metas concretas e comezar a debuxar os próximos 12 meses”. Cada participante recibirá unha análise preliminar do seu negocio e un plan básico de acción como punto de partida para continuar traballando.
O mes formativo pecharase o mércores 28 de outubro cun novo Almorzo ABE, nesta ocasión centrado na retención do talento e no papel que poden xogar os seguros e os beneficios sociais na captación e fidelización de profesionais.
O encontro, organizado en colaboración con García Sánchez Boiro, contará coa participación de Juancho, CEO de Arestora; Lola García, administradora de García Sánchez Boiro; e Lucio Castro, CEO de Allianz Seguros. A sesión combinará almorzo, píldoras formativas e networking, cunha visión práctica especialmente orientada a pemes, persoas autónomas e pequenas empresas.
“Son catro encontros e catro perspectivas diferentes para abordar cuestións que forman parte dos retos actuais das empresas: innovar, competir, planificar e coidar das persoas”, informou a dirección ABE, ao tempo que animan ás empresas e profesionais de Boiro “a seguir esta programación e participar nas próximas actividades”. Os prazos de inscrición das diferentes accións iranse abrindo de xeito progresivo e serán comunicados a través das canles habituais da asociación.



