Sector, Xunta e MAPA reclaman dende Ribeira un fondo propio para a pesca e marxe real para modernizar a frota

11 Setembro 2026

A OPP83 Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía (Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia) reclamou hoxe en Ribeira que o próximo marco financeiro europeo manteña un fondo específico para a pesca, “claramente identificado e cunha dotación suficiente”, capaz de acompañar a evolución dunha frota que necesita seguir avanzando en competitividade, modernización, descarbonización, seguridade a bordo e mellora das condicións sociais e laborais das tripulacións.

Esta foi unha das principais mensaxes trasladadas pola xerente da OPP83, María José Casais, durante a V Xornada de Pesca de Ribeira, celebrada na Escola Oficial Náutico-Pesqueira baixo o título Claves para abordar a pesca no próximo fondo marítimo-pesqueiro.

Casais incidiu en que o futuro da pesca debe construírse escoitando ao sector e facendo compatible a sustentabilidade ambiental coa sustentabilidade económica e social da actividade.

Pola súa banda, o director da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, Juan Domingo Cambeiro, destacou a importancia de encontros como este para analizar os retos do sector e traballar pensando no futuro da actividade pesqueira: “Temos a obriga de seguir esforzándonos para que haxa un futuro para o noso alumnado, que son o futuro para a pesca”.

Na mesma liña, a alcaldesa de Ribeira, María José Sampedro, subliñou a necesidade de situar ás persoas no centro das políticas vinculadas ao mar e de facer da pesca un actividade con futuro para as novas xeracións: “Temos que conseguir que a mocidade vexa futuro no mar, cun traballo digno, estable e con opción de mellora. Defender o mar é defender Ribeira”.

Un posFEMPA con máis ambición financeira e menos burocracia

Na mesa redonda dedicada ao sector pesqueiro posFEMPA, o subdirector xeral de Sostibilidade Económica e Asuntos Sociais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Manuel Pablos, defendeu que o sector polo menos non perda “absolutamente ni un euro” con respecto ao actual FEMPA. En canto ao marco financeiro, avisou de que é previsíbel que ata o 31 de decembro de 2029 non se dea o “carpetazo” ao actual mecanismo de financiamento e alertou de que chegou o momento de tomar decisións. “Necesitamos para o posFEMPA ambición financeira e unha regulación simplificada que nos permita facer lo que este sector necesita para conseguir a remuda xeracional”, sinalou o subdirector, que aproveitou para dirixirse aos alumnos para asegurarlles que “imos loitar todos os que estamos nesta mesa para que veñades a un sector con futuro”.

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Isaac Rosón, defendeu, pola súa parte, a necesidade de que a pesca conte cun fondo europeo específico, unha reivindicación especialmente relevante para territorios cun forte peso do sector, como Galicia. “É importante que haxa un fondo específico para a pesca, neste sector máis que para calquera outro”, sinalou, explicando que “esta posición está a atopar apoios entre as comunidades costeiras e tamén no ámbito europeo”, aínda que evitou concretar adhesións específicas, e advertiu de que “unha vez garantido o financiamento o seguinte debate será determinar como se distribúen os recursos e a que prioridades se destinan”.

Na súa intervención sobre o futuro da modernización da frota pesqueira, Manuel Pablos advertiu de que o envellecemento dos buques está a limitar a capacidade do sector para afrontar retos como a transición enerxética e o muda xeracional. O subdirector vinculou este envellecemento á prohibición de financiar a construción de novos barcos e incidiu nas consecuencias da falta de renovación, desde o aumento dos custos enerxéticos e produtivos ata as dificultades para avanzar na descarbonización: “Non se pode afrontar a descarbonización da flota con buques de máis de 30 anos”. Neste contexto, sinalou que esta renovación debe ser unha prioridade e resumiu as condicións necesarias para facela posíbel nunha regulación adecuada, financiamento suficiente, portos preparados e solucións específicas que permitan modernizar os buques e manter unha frota competitiva.

A directora xeral da Mariña Mercante, Ana Núñez, centrou a súa intervención no proceso de regularización da potencia dos motores e reclamou ao sector máxima transparencia á hora de declarar a potencia dos buques. “O que pedimos é sinceridade. Cando queirades regularizar o barco, por favor dicide a potencia que tendes”, sinalou. Núñez explicou que se prevé actuar sobre arredor de 300 motores e que a intención da Administración é simplificar e axilizar ao máximo os prazos e os trámites, incluídos os relativos á potencia e ás emisións.

“É un sector hiperregulamentado”, recoñeceu, ao tempo que defendeu unha aplicación da normativa o máis áxil posíbel e insistiu en que o obxectivo é acompañar ao sector no proceso: “En España as administracións cremos na pesca. Tentaremos facilitalo ao máximo”.

No último relatorio técnico, Ricardo Iparraguirre, director de Bureau Veritas Norte de España, explicou en primeiro lugar o procedemento para a certificación da potencia dos motores, lembrando que Bureau Veritas actúa como organización autorizada para realizar recoñecementos e certificacións en nome da Dirección Xeral da Mariña Mercante. O procedemento abrangue motores novos, de substitución ou modificados e inclúe ensaios en banco baixo supervisión presencial da entidade.

A continuación, o ribeirense Adrián Sarasquete, director xeral de VICUSdt, presentou Open Water, unha ferramenta de enxeñaría propulsiva orientada a reducir perdas e mellorar a eficiencia enerxética sen incrementar a capacidade pesqueira. No caso da frota de arrastre, explicou que permite manter as mesmas condicións de arrastre con menos kW, reducindo así a potencia necesaria sen aumentar o esforzo pesqueiro.

No acto de clausura, María José Casais resumiu a posición da OPP83 insistindo en que financiamento, modernización, descarbonización e regulación forman parte dun mesmo desafío: “Non podemos falar de modernización sen falar de financiamento; nin de descarbonización sen solucións tecnolóxicas viábeis; nin de melloras a bordo se a normativa dificulta determinadas adaptacións. E non podemos construír un novo fondo sen ter en conta a enorme diversidade da frota á que debe dar resposta.” Casais concluíu que “o sector está disposto a avanzar, a modernizarse e a afrontar os cambios que veñen, pero ese camiño ten que ser técnica e economicamente viábel e debe construírse tendo en conta a nosa realidade”.

Na clausura da V Xornada de Pesca de Ribeira, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, insistiu na necesidade de que sector e administración traballen da man nun momento que cualificou de “crucial” para o futuro da pesca. “Bruxelas non pode facer oídos xordos ao que lle propoñemos e imos facer toda a forza para que Galicia non saia prexudicada no novo marco financeiro”, afirmou, ao tempo que reclamou, na mesma liña apuntada previamente por Isaac Rosón, un fondo específico e xusto para a pesca, cun financiamento “suficiente e accesíbel” que permita renovar a frota sen quedar afogado pola burocracia. A conselleira apelou tamén á necesidade de “equilibrar” a protección ambiental coa protección das familias que viven do mar e advertiu de que “non podemos permitir a redución da frota”, concluíndo coa importancia de seguir traballando para “fortalecer a nosa Galicia azul”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.