A Xunta destina máis de 8,2 millóns de euros a contratar 250 orientadores laborais en concellos e entidades sociais. Ribeira, Outes, Boiro, Vilanova e Vilagarcía entre os concellos beneficiados.
- O DOG publica a resolución da convocatoria de 2026 que reforzará a atención a desempregados en preto de 125 entidades locais e do terceiro sector.
- A rede complementa as 54 oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), poñendo o foco no apoio a colectivos vulnerables e no rural.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da liña de axudas pola que investirá máis de 8,2 millóns de euros na contratación de 250 técnicos de orientación laboral. Estes profesionais incorporaranse ao longo deste ano a preto de 80 concellos e a unhas 45 entidades sen ánimo de lucro de toda a comunidade.
A convocatoria sufraga contratos de 12 meses de duración cunha achega de 33.000 euros por profesional para cubrir custos salariais e cotizacións á Seguridade Social, ademais de módulos complementarios para gastos de funcionamento, formación e soporte técnico. En concreto, financiaranse 87 postos en corporacións locais e 163 en organizacións sen fins lucrativos, co obxectivo de garantir a equidade territorial e achegar recursos especializados ás zonas con menor cobertura.
Atención personalizada e ferramentas dixitais
Esta rede asistencial, que en 2025 atendeu máis de 93.000 persoas demandantes de emprego, traballa de xeito coordinado coas 54 oficinas do SPEG. Os orientadores encárganse de elaborar diagnósticos individualizados, deseñar itinerarios de inserción, asesorar na busca activa de traballo e apoiar no perfilado competencial mediante a ferramenta de intelixencia artificial EMi, coa que a administración autonómica xa caracterizou máis de 115.000 perfís laborais.
A iniciativa enmárcase no plan de modernización do servizo de emprego público galego. Entre as liñas paralelas en marcha figuran a consolidación de caixeiros autoservizo en oficinas e en 170 concellos rurais, as novas opcións de autoxestión da Oficina Virtual, o seguimento intensivo de perfís con dificultades de inserción e os encontros directos co tecido empresarial para casar oferta e demanda.




