O Castro de Baroña recibe case 7.000 visitas de ata 41 países diferentes durante este verán

09 Setembro 2026

A ría de Muros e Noia rematou a tempada alta do verán con grandes logros en materia turística. Á eclosión do Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia, cun goteo constante de peregrinos chegados tanto por vía marítima como terrestre, hai que engadirlle tamén un significativo incremento no número de turistas que visitaron os concellos da contorna durante este verán. Así o exemplifica o Castro de Baroña, que durante os meses de xullo e agosto ten recibido un total de 6.675 visitantes. Segundo datos da Oficina de Turismo do Castro de Baroña, no que vai de verán contabilizáronse 1.110 visitantes procedentes de ata 41 países diferentes, se ben os turistas nacionais continúan sendo maioría: 5.565 persoas.

Luís Oujo, presidente do xeodestino Ría da Estrela, destaca que “o Castro de Baroña ten uns 2.000 anos de antigüidade, pero estará eternamente de moda. A súa beleza e o seu extraordinario emprazamento son un atractivo turístico dos máis destacados en Galicia” e salienta que “este mes de agosto, unha vez máis, o número de visitantes se ha incrementado noutro 3%”.

Procedencia

De acordo cos datos da Oficina de Turismo do Castro de Baroña, este enclave de Porto do Son recibiu visitantes procedentes de ata 41 países diferentes. Os franceses son o grupo máis numeroso, representando un 30% do total, seguido a bastante distancia por Alemaña e Italia. Ademais, o castro acolleu tamén a visitantes chegados de países tan diferentes como Australia, Nova Zelandia, Emiratos Árabes, Tailandia, Corea do Sur, Illas Mauricio, Somalia ou Camerún.

Entre os 5.565 visitantes nacionais, sorprende que menos dun 20% eran galegos, o que demostra o forte tirón que o Castro de Baroña ten entre o público nacional. Así, o maior número de visitantes procedía de Madrid (34%), seguido de Andalucía, País Vasco, Cataluña e Castela-León. Como curiosidade, este verán recibíronse visitas de todas as comunidades autónomas españolas.

Dende a Oficina de Turismo do Castro de Baroña destacan sobre todo que os visitantes veñen especialmente recomendados dende puntos de fora da Ría da Estrela, sobre todo dende o Parque Natural de Corrubedo e do Faro de Fisterra, pero tamén dende puntos tan dispares como a Ribeira Sacra ou o aeroporto Sá Carneiro de Oporto.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.