
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) celebra este sábado, 19 de setembro, a festa final da campaña Boiro Xoga, que terá lugar na Praza do Concello de Boiro, de 17:30 a 21:00 horas.
A xornada poñerá o ramo a esta iniciativa, que naceu “co obxectivo de dinamizar o comercio local a través dun xogo de mesa inspirado en Boiro e nos seus negocios”, así como de “promover a participación e o coñecemento do municipio”.
Durante a tarde, as familias poderán gozar dunha programación chea de actividades, con degustación de fideuá, parque de inchábeis, música e o gran panel de Boiro Xoga, no que os participantes poderán lanzar os dados xigantes e optar a premios por un valor total de 2.000 euros.
Ademais, repartiranse 100 xogos de mesa Boiro Xoga entre as persoas participantes.
Ás 20:45 realizarase o sorteo do bote cos vales de compra non entregados directamente no panel.
A festa será unha oportunidade para compartir unha tarde de diversión e celebrar o compromiso da cidadanía co comercio local.




