
Setembro despide a xente que xa non cruzará connosco polas mesmas rúas. Algúns marchan a outras encomendas noutras partes do mundo e outros, no traballo de erosión que ten o tempo, alónxanse de nós cara aos seus portos particulares, arredados das mesmas augas nas que nadabamos no verán. Hai dúas novas despedidas. Tócannos preto na casa e tocan óso, pois son dúas persoas que, nese vaivén na dorna do tempo, quedaron no bo recordo da travesía e volven a nós coa nova do vento do norte, a da choiva así calma, de poeira, a do misterio da morte. Son noticias de arrefrío desagradable e deixan na boca un resaibo amargo, como de palabras non ben mastigadas.
Estas dúas persoas apareceron na nosa vida no percurso da educación e, marchando, con toda a dor imposible de escribir, ensináronnos na casa aquela derradeira lección do mestre, a que sempre ten que ver coa morte, coa nosa finitude e coa liña do tempo así a xiz, irregular e inestable, entre horario e horario.
Unha desas persoas que xa non están era Armando Durán, conserxe do instituto no que preparei o Bacharelato. Armando tiña mans enormes e grosas e nunca soubemos que facía el, tan habelencioso coa mecánica, detrás daquela porta do almacén da conserxería do instituto, pola que se vían de cando en vez faíscas amarelas e lapas industriais. Sosteño que era un ferreiro vital, un traballador da bricolaxe inventiva que precisaba construír para vivir. Armando era calado e impoñía un respecto solemne ao levar postas as mans enormes do traballo, que indican que sempre poden facer iso ou incluso cousas ben serias nun centro educativo, como o traballo da paciencia. Armando foi durante moitos anos un benquerido conserxe do IES María Casares, en Oleiros, na Coruña. Un antigo alumno remitiume a esquela. Creo que alá arriba, cando salten faíscas metálicas e ardores solares, estará Armando coa súa radial ou coas súas lentes protectoras, sopesando un milagre astral.
Marchou tamén Isabel Regueiro, docente de Ciencias no IES Alfredo Brañas de Carballo. Coñecina cando foi compañeira de claustro da miña nai. Os galegos de nacenza uruguaia, como Isabel, traballan de xeito distinto nesta climatoloxía atlántica. Ao falar con ela de neno sempre tiña a sensación de que, por debaixo daquela discreción, estaba unha muller que, cando eu facía a viaxe de ida ás Américas, ela sempre, con calquera tema, estaba xa de volta, con ese xesto acedo e morno, ese tropical galaico, da palabra exacta e adubío de ironía necesaria para sobrevivir ao cambio climático estacional e xeográfico.
Setembro é o mes das entradas do novo curso nas escolas e nos institutos. Hai cabezas a bulir e sentimentos atopados. Isa e Armando retiráronse deste curso do mundo no verán, case cando comeza o primeiro trimestre, e dende as aulas a paisaxe é a dunha ficción de primavera, de friaxe e calor inclemente. Penso nos dous no ceo, cada un ao seu, saudando os novos compañeiros de claustro.



