
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, mantivo onte un encontro co alcalde de Outes, Francisco Calo, para abordar as principais necesidades e proxectos de mellora nas instalacións portuarias do municipio.
Na xuntanza tratouse o proxecto de asfaltado e reforzo do firme nas vías e explanadas do porto do Freixo (que conta cun orzamento previsto de 85.000 euros dentro do plan global de firmes que Portos licitará proximamente), así como a renovación do convenio de colaboración municipal dirixido a reordenar os estacionamentos e humanizar a contorna portuaria.
Durante a reunión tamén se analizaron as necesidades de reforzo da seguridade na zona dos peiraos flotantes (pantaláns) e as propostas técnicas para unha posíbel ampliación de prazas para a sétima lista.
Así mesmo, abordouse a cooperación institucional na promoción dos produtos pesqueiros locais, logo de que a Consellería colaborase na última Festa de Exaltación dos Produtos da Ría.



