A veciñanza do Araño e o Concello de Rianxo colaboran novamente na Limpeza Simultánea de Ríos que organiza ADEGA esta “finde”

30 Setembro 2026

Esta fin de semana, 3 e 4 de outubro, o voluntariado ambiental galego ten unha cita cos ríos do país. A XIX Limpeza Simultánea de Ríos, impulsada pola organización ecoloxista ADEGA a través do seu Proxecto Ríos, celebrarase nesta edición nun total de 49 concellos de toda Galiza, incluído (polo Barbanza) o de Rianxo, e nela participarán 76 entidades, entre asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas ou centros de ensino, moitas delas asiduas nestas limpezas e outras tantas que se suman por primeira vez a esta décimo novena edición. Por exemplo a Asociación de Veciños e Veciñas do Araño, que cada ano participa con batidas ecolóxicas no río Te.

Baixo o lema Móllate polos ríos, estas limpezas mobilizan todos os anos centos de persoas voluntarias que de xeito simultáneo desenvolven unha acción colectiva e de concienciación social ao pé dos ríos, co obxectivo de contribuír á súa limpeza. Calquera persoa interesada pode participar contactando coas entidades organizadoras locais.

Na web de Proxecto Ríos está dispoñíbel a listaxe de concellos e asociacións participantes, con datos de contacto para poder sumarse ás actividades, sempre que os grupos non estean xa pechados. A Estrada, A Coruña, Allariz, Ames, Baiona, Lugo, Moaña, Ourense, O Grove, Pontevedra, Ponteareas, Rianxo, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela ou Vigo son algunhas das localidades nas que se impulsan limpezas, entre outras moitas, de forma que todas as persoas atoparán preto delas a posibilidade de calzar as botas e axudar ao coidado dos nosos ecosistemas fluviais.

Ademais de retirar refugallos dos cursos fluviais, a iniciativa busca fomentar a conciencia ambiental e a participación cidadá. A asociación ADEGA distribuirá un Protocolo de Limpeza de Ríos, dispoñible para descargar tamén na súa web, coas claves para realizar intervencións respectuosas e seguras nestes ecosistemas.

O Proxecto Ríos, coordinado en Galiza por ADEGA, é un programa de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos, ao proporcionar ferramentas que garantan a súa participación.

Entidades colaboradoras

Nesta XIX edición, a Limpeza Simultánea conta coa colaboración dos concellos da Estrada, Allariz, Ames, Ares, Fene, Meis, Moaña, Nigrán, Pontevedra, Rianxo, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela e Tomiño. A actividade está financiada pola Deputación da Coruña e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que apoian este esforzo colectivo polo coidado dos nosos ríos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

Cada vez voume atopando con máis xente que me conta que fixo a escolla de deixarde ler ou de ver noticias. Que buscan emisoras onde haxa só música, ou que evitantelexornais e tertulias de actualidade. Non son persoas desentendidas do mundo. Dinque non poden soportar...

“Dereito a unha vivenda digna, sí; pero cómo?”. Antón Luaces

“Dereito a unha vivenda digna, sí; pero cómo?”. Antón Luaces

Como cidadáns españois todos temos dereito a unha vivenda digna e axeitada. De feito, a Constitución Española establece no seu artigo 47 que "tódolos españois teñen dereito" a disfrutar dela. O mesmo artigo recoñece que "os poderes públicos promoverán as condicións...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.