
O Coliseo Noela acollerá este martes 25 de agosto, a partir das 20:00 horas, unha representación do espectáculo de danza Expedición Querina, posto en escena pola Escola de Danza Oitos (Noia), unha sesión a beneficio da Cruz Vermella para axudar aos damnificados polo terremoto de Venezuela. As entradas custan seis euros e poden adquirirse na billeteira do Coliseo.
Expedición Querina recolle a epopea histórica do navegante veneciano Pietro Queirini, quen no século XV deixou documentada unha peregrinación a Compostela que coincide ao 100% co traxecto actual do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia e que deu lugar ao nacemento da Vía Querinissima, que vén de ser recoñecido como Itinerario Cultural Europeo por parte do Consello de Europa. Unha iniciativa promovida polo Concello de Noia, a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e a Asociación Internacional Vía Querinissima, en colaboración coa Escola de Danza Oitos.
Expedición Querina é un espectáculo de danza, música e imaxe co mar como protagonista, Querini como guía e Compostela como destino. Consta dunha apertura e tres partes perfectamente diferenciadas, dende a súa partida de Creta o 25 de abril de 1431 na nave Querina cunha tripulación de 68 mariñeiros, ata a súa chegada a Compostela, pasando por lugares como o santuario da Virxe do Camiño en Muros ou o templo de San Martiño de Noia. Na súa estrea, en novembro do ano pasado, reuniu a máis de 340 persoas no Coliseo Noela.




